Search

25 Episodios – 1º Aniversario

Cando comecei a planificar esta pequena iniciativa tiña claro que quería navegar entre as imaxes que todos vimos algunha vez nunha pantalla grande, ese tipo de imaxes que un lembra pero non sabe identificar cun filme en particular. […]

Esta cita pertence ao primeiro episodio de Kinocube, publicado un 15 de Decembro de 2020. Un pequeno milestone, miliario ou fito persoal que non imaxinaba que ía ter o percorrido e a importancia na miña vida que está a ter agora mesmo. Xuntos, seguimos a navegar entre imaxes. Percorremos a historia do cinema a través dos seus arquetipos, dende a despedida no apeadeiro dunha estación de tren até a Dama Branca que redime ao monstro. Revelamos técnicas como o keyhole shot, a metonimia cinematográfica que nos serve para mostrar o que non existe, o ritmo interno e externo dunha montaxe, as fantasmagorías mediante o stop trick e a dobre exposición, a montaxe paralela que nos permite conectar escenas que ocorren a quilómetros de distancia, a acción que ocorre fóra de campo ou as técnicas para representar a ausencia de luz como a evocadora noite americana. Todas as ferramentas e recursos que xorden da necesidade de representar o irrepresentable, de facer soar o silencio e alumar a escuridade, de contar sen palabras, de xerar tensión ocultando e revelando información, de esculpir o tempo e o espazo coa cámara. Que o cinema…

[…] transcende a pantalla e crea historias capaces de desbordala, capaces de poñer capas e capas de significado e ofrecernos portas entre elas —por exemplo, unha sombra— para que as atravesemos impunemente. […]

E atravesámolas con gusto, pois…

[…] non é iso o principio fundamental no cinema? Non é verdade que o espectador vixía impunemente as vidas privadas das personaxes dende a súa butaca, sen temor a ser sorprendido? […]

image

Non sei vós, pero a min encántame a maneira na que un xoguete do século XIX, froito dunha era de mecanicismo e enxeño, de desenvolvemento industrial, de desigualdade social, se converte nunha maneira de capturar a ánima das cousas, loitar contra ausencia atrapando a realidade efémera en celuloide, de reflectir a sociedade como un espello, e tamén de construír pantasmas e irrealidades a partir de emocións e sentimentos humanos a través da creación de universos simbólicos; de converterse nun limiar interdimensional a un espazo e a un tempo que non nos pertence, nunha ferramenta para fomentar o cambio social e, en definitiva, na máis bela das ilusións.

[…] Pero non nos enganemos. Todo, absolutamente todo é falso. Detrás dun espello sempre hai un director de fotografía desesperado porque non se vexa a percha de son no plano. Diso se trata o cinema, en xogar coa realidade para crear ilusións. En converter o falso en verdadeiro. Cando miramos unha película vemos sempre un reflexo de nós mesmos como  individuos ou como colectividade. Un reflexo construído sobre unha mentira, pero que garda no seu interior a verdade máis pura. […]

Quizabes pecamos de sobrevalorar a capacidade do cinema para abraiarnos, para representar a realidade e os seus prexuízos ou para transportarnos lonxe dela. Como se fose o primeiro arte que desenvolveu a humanidade! Como se non houbese pintura, literatura, escultura, música capaz de transformarnos! Admito que neste tema me deixo levar pola miña propia subxectividade. Pero engado, na miña defensa, que o principio cinematográfico xa estaba aí séculos antes da invención do cinematógrafo. Se o cinema se alimentou de recursos, estéticas e temáticas que xa estaban presentes noutras disciplinas artísticas; tamén é certo que existe o concepto do precinema, de aquelas propostas e experimentacións previas á invención dos irmáns Lumière que tentan achegarse ás formas que só serán posibles despois, coa manipulación da luz e a captura do movemento no celuloide.

[…] Cando observo a luz entrar polo rosetón dunha catedral gótica, filtrada polo espectro de infinitas cores das vidreiras, dáme a impresión de estar vendo o haz luminoso que emitían os antigos proxectores sobre as paredes brancas das salas de cinema. Nos piares e nas bóvedas vense proxectados entre as luces e os relevos personaxes, accións, secuencias e escenas de moitos séculos de antigüidade, que os mestres canteiros tallaron e pintaron para ensinar ós fieis de outras épocas as ensinanzas do seu credo. Que é o Pórtico da Gloria senón unha película gravada en pedra? […]

Por iso, antes da chegada do cinema, o arquetipo xa estaba aí: eran os nosos medos irracionais, as nosas esperanzas, as nosas preocupacións, os nosos soños e fantasías. E aínda que a realidade cotiá se afaste dos tropos e dos temas antigos, hoxe extintos, hai arquetipos que permanecen grazas ás películas.

[…]O cinema pode ser o último vínculo destas realidades antigas coa nosa sociedade tecnolóxica e urbana, o derradeiro reduto para que o arquetipo se desenvolva, medre e mude cos tempos, e que continúe gravado a lume na nosa memoria colectiva. […]

image

Si, falamos moi a miúdo das historias que nos contamos as persoas dende o inicio da linguaxe, presentes no desenvolvemento do cinema. E tamén falamos das voces que as articularon, dos autores e das autoras que sentaron as bases fundacionais do cinema. Falamos de pioneiros e pioneiras, como un colectivo, como un proceso en construción continua dende aquelas persoas que crearon a nova linguaxe audiovisual –Lumière, Guy-Blaché, Méliès–, as que experimentaron nas marxes –Cohl, Chomón, Reiniger–, as que introduciron as tebras nas nosas pantallas –Lang, Murnau, Pabst–, as que convertiron o xoguete decimonónico no grande espectáculo –Griffith, DeMille, Von Stroheim, Von Sternberg– e os que nos emocionaron a través da comedia, refinando a expresividade do cinema silente –Chaplin, Keaton, Tati–. Non serán os derradeiros! Fican no tinteiro, agardando pola súa quenda, John Ford, Joseph L. Mankiewicz, Ida Lupino, Luis Buñuel, Maya Deren, Truffaut, Kurosawa, Chris Marker, Agnès Varda, Francis Ford Coppola e a súa filla Sofia…

E non só falamos de persoas importantes, senón que falamos con persoas importantes, xente que vive o cinema, con opinións formadas e ben documentadas seguindo a estela das reflexións que nos gustan nesta bitácora. A eles  –Marta Pérez Pereiro, Lois Alcayde, Raquel Besteiro– todo o noso agradecemento, así como a todos os que me animastes a continuar este pequeno proxecto axudando á súa difusión e retroalimentándonos cos vosos comentarios. Tentaremos que a vindeira tempada estea á altura do que merecedes, tanto na bitácora, como nas redes sociais, como na canle audiovisual que estamos a preparar con moito cariño.

Só me queda un comentario para finalizar este marabilloso ano que me deixastes compartir con vós. Un propósito de ano novo, quizabes:

[…] Fagamos do cinema tamén un legado, un canto á humanidade que fique para reivindicarnos durante séculos. “Go on singing”, dicía Welles. Sigamos filmando.

Até o vindeiro episodio!