Teño un amigo que está convencido de que, en Hollywood, se engades unha persecución á túa película, levas subvención. Non vou ser eu quen llo discuta, pois é certo que os filmes de acción americanos teñen unha tendencia clara a utilizar persecucións como momento climático en calquera xénero de acción: todo o noir, os filmes de espías, sobre a mafia, de carreiras, de secuestros, bélicas, carcerarias, western, etc… Sen esquecernos do xénero humorístico, que dende sempre se prodigou en carreiras tolas ás que lles acaería ben a música do show de Benny Hill.
Enténdoo, a verdade: unha persecución –a pé, en coche ou con calquera vehículo que se nos ocorra– aporta un ritmo frenético, tensión, suspense. É unha pena, en realidade, que estean tan trilladas. Polo que a min respecta, é ver unha persecución xenérica en coche e entrarme ganas de coller o mando a distancia e pulsar o botón de fast forward. Ademais, adóitase caer en tropos case inevitables: cando un coche fuxe por San Francisco adiante, sempre será por aquelas pintorescas rúas empinadas, costa abaixo –nunca, nunca o fará costa arriba– e nalgún momento chegará a saltar perigosamente para planear durante uns segundos a cámara lenta.
Claro que hai excepcións notables: os grandes directores e directoras, ou polo menos aqueles que se atopen nun bo momento de inspiración, conseguen darlle a volta ós estereotipos e ofrecernos momentos que merece a pena desfrutar. Ocórreseme o James Bond de Roger Moore, un axente que nos ten acostumado aos seus Aston Martins brillantes e cheos de cachifallos de espionaxe, escapando nun Citröen 2 CV amarelo –un dous cabalos, para entendernos– polas rúas dun pobiño mediterráneo en For Your Eyes Only (John Glen, 1981).
Ben, quería comezar a falar de cinema europeo e falei de cinema británico. É a costume, aínda non adaptei os meus esquemas mentais ó Brexit recentemente consumado. En Europa, por algún motivo, non existe esa proliferación de persecucións; polo menos, non con ese ritmo endiañado. Gústame particularmente o éxodo lento e desesperado do pobo de “Beauregard” Bennet, cun exército de cazarecompensas ós talóns, no spaghetti western Faccia a Faccia (Sergio Solima, 1967). Ou, no extremo contrario, os nenos perseguindo ós seus mestres pola rúa en Zéro de conduite (Jean Vigo, 1933). Persecucións lentas ou frenéticas, persecucións serias ou cómicas, violentas, inocentes, con calquera motivación, con diferentes resultados, nas que os “bos” son perseguidos ou nas que se perseguen ós “malos”. Hai para tódolos gustos. Hai incluso filmes que en si mesmos son persecucións de hora e media, como a evidente Catch Me if You Can (Steven Spielberg, 2002).
Ó final é todo cuestión de ritmo e tensión, dúas das ferramentas máis útiles para os cineastas á hora de construír tramas e escenas que nos manteñan pegados á pantalla. De que maneira?
O ritmo, pola súa banda, é moi fácil de conseguir con planos curtos de poucos segundos e, de feito, esta é a maneira máis estendida no cinema de acción actual, pero non é a única: existe un ritmo interno do plano, que se logra acelerando o movemento dos personaxes e das cousas. Por exemplo, poñendo unha personaxe a correr e, se é posible, dun lado a outro do plano e non de atrás a adiante, pois a mesma velocidade percíbese moito máis lenta cando o obxecto se move na profundidade do plano.
Por outra banda, a tensión, que non precisa estar acompañada sempre dun ritmo frenético. A tensión xestiónase a partir do suspense, do que xa falamos nalgunha ocasión. Sufrir a ansiedade do momento que vai chegar, ese intre no que a conta atrás chega a cero e os perseguidores capturan ás súas presas. Salvo claro, que sexas Wile E. Coyote e saibas perfectamente que nunca vas chegar a trincarlle o dente ó Correcamiños.
Si, o artigo desta semana tivo un ton máis lixeiro, un pouco como contrapunto á triste realidade dunha terceira ola que nos persegue e nos limita. Que non nos pille. É un bo momento para ficar na casa cunha mantiña, unha cunca de té, café ou chocolate e unha película. Se queredes unhas poucas recomendacións, navegade polas páxinas desta bitácora e deixádevos sorprender pola maxia do cinema.