En Kinocube pillámoslle o gusto a conversar, polo que nesta ocasión nos puxemos en contacto co xornalista e escritor Lois Alcayde Dans para reflexionar sobre o xornalismo no cinema. Nesta conversa trataremos o papel do xornalista, os arquetipos relacionados con el e a iconografía que o rodea.
Como na anterior entrevista, é posible que atopedes spoilers de filmes do século pasado. Penso que non é para tanto, pero déixoo á vosa elección.
Gustaríame comezar comparando a historia do xornalismo coa súa representación no cinema, dende as linotipias nas screwball comedies até as redacción dixitais de filmes máis recentes. Cal é a túa opinión sobre esa representación? Axústase á realidade?
É unha moi boa maneira de comezar. Hai unha película que a min me interesa moito na que converxen moitas cousas da historia do xornalismo: Citizen Kane (Orson Welles, 1941). Neste filme vese o tratamento da información e ó mesmo tempo tamén a evolución da industria. Porque o xornalismo non vive do aire, ten unha industria, unha maneira de funcionar… pode ser unha empresa pública ou unha empresa privada, pero sempre é unha organización. Salvo que sexa un individuo só que fai xornalismo, o que entendemos como medios de comunicación normalmente son organizacións cooperativas, sexa un medio pequeno ou un medio grande.
Citizen Kane é unha película moi interesante, non só pola persoa real na que se basea o protagonista, un magnate da prensa que estivo involucrado na guerra de Cuba, William Randolph Hearst. Esta personaxe que interpreta Orson Welles –non sei se vilán ou antiheroe, non sei describilo, pois creo que Orson Welles vai moito máis alá de bos e malos–, un magnate que merca un xornal, que o ergue a través do amarelismo, de vender moitos exemplares e chamar a atención. Esta personaxe converte un pequeno xornal que non vendía case nada nun grande medio de comunicación, non tanto polo tratamento da información como polo volume de venta, o que nos lembra esta prensa amarela, e a día de hoxe contamos con moitas cabeceiras a nivel nacional que xogan con isto: grandes titulares, incluso moi ofensivos ou aparentemente moi combativos que non deixan de ser apoloxía do odio.
Entón é moi curioso porque lembra ó que fai Jeff Bezos con Amazon, un gran magnate merca un xornal como The Washington Post e comezan a aparecer noticias do tipo “Por que está mal poñer taxas máis altas ós ricos?” ou “Por que está mal subir os impostos?”.
En Citizen Kane a representación da industria é interesante mais, como é o tratamento da información? Tremendamente mercantilista, dicimos amarelista pero no fondo non deixa de ser mercantilista: buscar unha venda onde non se cultiva un público de calidade, onde non se respecta a audiencia. O que fixo esta personaxe verdadeira, William Randolph Hearst, foi manipular e terxiversar sobre a guerra de Cuba.
Hai outra película recente, The Post (Steven Spielberg, 2017), que conta con dous actores que me encantan, Tom Hanks e Meryl Streep. Unha película que ademais, paradoxicamente, fala de The Washington Post. E seguimos falando do tema principal, da industria, porque se viamos en Citizen Kane como un magnate se fai co control cun xornal e pode comezar unha saga familiar, neste filme xa existe unha saga familiar: o marido da directora morre e é ela a que herda The Washington Post nos anos 70, en pleno caso Watergate. Neste filme tamén hai un análise do estado da industria naquela época, na mesma na que está situada All the President’s men (Alan J. Pakula, 1976), outra grande película que non nos fala tanto da industria como do desempeño xornalístico. Son filmes paralelos na ambientación, no tempo. E en The Post é unha saga familiar, isto é importante.
En Deadline U.S.A. (Richard Brooks, 1952) fala precisamente un pouco disto, de cando a saga familiar rompe e os herdeiros venden o xornal sen importarlle que bote o peche.
Efectivamente. É curioso que as grandes crises do xornalismo en España viñeron pola perda do monopolio familiar. A familia Polanco era propietaria do grupo Prisa até os anos 2000, cando se comeza a vender e puidemos ver como entraban no grupo entes distintos: bancos, fondos voitre, construtoras… e non só pasou en Prisa, pasou en todos os medios de comunicación ou en case todos, hai máis exemplos.
Que entre xente nova nun consello de administración non é malo, o problema é cando a xente que entra inflúe no tratamento da información. Isto é algo que tamén se trata en The Post, pois a directora, que herda o xornal do seu marido pero é a filla do anterior propietario e ten que agardar a que morra o seu marido para tomar as rendas, ten que decidir se dá luz verde ou non ó que se está a investigar no Watergate, polo perigo que pode supoñer, polo risco nacional. Pois o mesmo pasou cando El País saca os papeis de Bárcenas, que foi un dos grandes fitos da década pasada.
E enlazamos con All the President’s men na actitude xornalística. Son marabillosos os papeis de Robert Redford e de Dustin Hoffman neste filme sobre a investigación xornalística. Este tipo de películas a min encántanme pero contribuíron a un romanticismo do xornalismo que moitas veces non se adecúa á realidade. E non ten por que adecuarse á realidade, ollo, que The front page (Billy Wilder, 1974) é unha película deliciosa e His girl friday (Howard Hawks, 1940), que é un pouco o precedente, tamén, cos seus matices distintos, e que non se parecen en nada á profesión.
Pero eu de All the President’s men destacaría unha escena magnífica, de feito unha das miñas favoritas, que está ó inicio da película: cando chega Robert Redford á súa casa e abre o frigorífico e hai un brick de leite… é un pouco esa vida precaria da que se nos fala pouquísimo na película, porque a película obviamente non trata dese estilo de vida, trata da investigación do caso Watergate. Pero é curiosa esa escena dunha vida triste, mal pagada, que hoxe en día aínda sería peor.
Deume a impresión de que a profesión de xornalista, polo menos até os anos 90, era representada no cinema como unha mala vida. Non só neste extremo satírico. En The Front Page, en clave de comedia, se nos di que o protagonista quere sentar cabeza, casar e deixar esta profesión. Pero tamén en filmes como Deadline U.S.A., sen ser unha comedia, se volve sobre esta idea de que o xornalismo é unha profesión que arruína fogares. Insístese, por exemplo, que o xornalista non desfruta da súa lúa de mel por ter que estar sempre a cubrir unha nova. Isto é un cliché habitual nos anos 40.
Si, nos anos 40 e en adiante. Incluso hai filmes que non tratan o xornalismo directamente pero si partes como o fotoxornalismo nos que se ve ese tema relacional, por exemplo en Rear window (Alfred Hitchcock, 1954). A personaxe de James Stewart é un claro exemplo de fotoxornalista, que vive nun piso pequeno, moi agradable, que a moitos nos gustaría ter. A personaxe de Stewart fala desa vida axitada do compromiso do xornalista, e é moi curioso que a personaxe de Grace Kelly intenta convencelo para que se dedique a outro tipo de xornalismo. El é un reporteiro de guerra, un reporteiro aventureiro, de conflito, de deportes, de viaxar polo mundo. Esta especie de idealización do oficio que tamén trouxo toda a iconografía de Leika, de Kodak, de viaxar polo mundo e sacar imaxes.
E claro, este fotoxornalista non quere casar coa personaxe de Grace Kelly, non porque non estea namorado, que está namorado ata as trancas, senón porque non quere que ela sofra o estilo de vida que el está levando. Incluso ela, a pesar de que lle di que non lle importa, suxírelle a fotografía de moda, algo máis estable.
Podemos cambiar xornalista por case calquera profesión eminentemente masculina que no cine clásico sexa always on the run, de aventureiro, que choca co interese amoroso da muller que sempre quere estabilidade por definición. Quizabes o xornalista entra neste estereotipo…
Si, logo cóntoche unha excepción!
…pois, atendendo a isto, queríache mencionar un filme que mencionou Marta Pérez Pereiro nunha entrevista anterior: Woman of the year (George Stevens, 1942), na que se inverten os roles.
É a excepción da que che quería falar! Acabas de lerme a mente: Woman of the year, con Spencer Tracy e Katherine Hepburn, que é un dos mellores dúos da historia do cine.
Senón o mellor…
Bueno, están Bogie e Bacall, están Cary Grant e Audrey Hepburn, aínda que fose fugaz, en Charade (Stanley Donen, 1963)… pero, sen dúbida, dos mellores. É espectacular. Woman of the year é marabillosa pero, ollo, falamos dunha actriz, Katherine Hepburn, experta en películas dunha época moi concreta de Hollywood: as películas que van de finais dos anos 30 até finais dos anos 40, antes da caza de bruxas e do cumio da Guerra Fría nos anos 50 ou 60. Neste período hai algunhas películas que a día de hoxe, mirando cara atrás, pódennos parecer tremendamente avanzadas vindo da época de onde veñen. Unha é Woman of the Year, onde se inverten os roles. De repente é esta muller que é a xefa, poderosa, empoderada, libre, con moitísimo carácter, que nesa época están masculinizadas porque non deixa de ser ese rol de xénero patriarcal de “a muller ten que ser mansa, suave”, na que a muller só podía aspirar a ser unha femme fatale, que era unha icona de emancipación da época, como Bacall –voz grave, fuma, leva ombreiras, usa traxes masculinos–… ou Katharine Hepburn, que non está fichada por casualidade.
E ollo, aínda que non sexa xornalismo hai unha película que sempre destaco a favor do empoderamento e que hoxe, por suposto, podemos darlle moitas revisións, pero creo que hai un consenso que a vemos e pensamos que estaba moi adiantada: Adam’s rib (George Cukor, 1949), que a min déixame fascinado. É sobre un matrimonio de avogados que se enfrontan a un caso, no que Katharine Hepburn, defende a unha muller maltradada e o seu marido, Spencer Tracy, é o fiscal do caso.
Hai outra película, Mr. Deeds goes to town (Frank Capra, 1936), no que Gary Cooper interpreta a un cidadán medio dunha vila norteamericana, moi bonachón, que toca a tuba…
O típico protagonista dos filmes de Capra.
Exacto, o home americano medio, o home popular americano, the middle class man, moi Frank Capra, moi patriótico, non? Ó que lle toca en herdanza, neste caso, a enorme fortuna dun magnate, e ten que trasladarse a Washington. Comeza a vivir a gran vida e coñece a unha xornalista que interpreta Jean Arthur, magnífica, e que tal e como a debuxa Capra é como unha antiheroina que fai o que podería facer Oriana Fallaci, interpreta un papel para engaiolar a este señor, enganalo e que lle conte cousas… e ela búrlase del en artigos de prensa baixo un pseudónimo, contando as cafradas que fai este home, porque de repente está forrado e, con moi boas intencións, fai cousas que, ollo, non son cafradas: maiores beneficios para os traballadores, comida, dereitos… O propio Capra xoga nesa tensión de un home bo que fai cousas boas para os traballadores e o resto da sociedade se escandaliza e di “pero que fai este home?”. Non deixa de ser unha crítica ó establishment de Washington que considera que todo isto da solidariedade é algo fútil, que non serve para nada. E a xornalista é unha personaxe moi moderna, tipo Oriana Fallaci, que non ten ningún tipo de relación co protagonista, só quere sacarlle información, só está a facer o seu traballo. Algo que, seguramente, de ter sido interpretado por un home non tería esa connotación tan negativa como sendo unha muller, que no cinema clásico se lle presupón unha condición de bondade. A muller no cine clásico ou é mater amantissima ou é mater dolorosa, se toma partido sempre exerce algún tipo de mal.
O rol do xornalista, como o desta personaxe, sempre está sometido a unha ambigüidade. Pode ser o malo ou o bo da película por exactamente as mesmas razóns: a busca da verdade. Poden ser, como en The front page, voitres que están detrás da noticia, que menten descaradamente, premen e manipulan para conseguir unha historia ou poden ser todo o contrario, os garantes da verdade como Humphrey Bogart en Deadline U.S.A. Xornalistas que buscan a verdade ora por un ben social, ora polo impacto do público. Se o fan por isto último convértense nos malos do filme, como en 醜聞(Shūbun, Akira Kurosawa, 1950). Os xornalistas, en definitiva, poden ser paparazzis entremetidos que os protagonistas deben evitar, ou todo o contrario, heroes pola liberdade de prensa…
Si, ó xornalista, como calquera outro oficio, sobre todo no cinema clásico da época dourada de Hollywood, sométeselle a un esencialismo moi fermoso de ver en películas pero, insisto, non ten por que ter que ver coa realidade. O xornalista é unha figura moitas veces caricaturizada, simpática, como as personaxes de Jack Lemmon e Walter Matthau en The front page, outro dúo marabilloso, que sempre teñen un fito de bondade, aínda que Matthau quizabes sexa un pouco máis guasón mentres Jack Lemmon sempre é un pouco o “pallaso bo”.
Pero si que hai unha dualidade moi curiosa e que moitas veces ten pouco que ver co traballo real do xornalista. Porque sempre dicimos que o xornalista busca a verdade, pero o principal do xornalismo non é a verdade obxectiva, pois iso, dende unha perspectiva moi persoal, como non pode ser doutra maneira, non existe. A verdade non existe, existe a honestidade. Non vas atopar nunha un feito obxectivo, incluso na propia selección de información hai parcialidade e ten que habela porque somos seres humanos e temos pensamentos. Entón dende o momento no que ordenas a información, estás a clasificar, no momento no que seleccionas o que vas ordenar xa estás facendo unha criba.
A honestidade pódese ver en All the President’s men. A min encántame como está narrada a cautela: falan con todo o mundo, non hai unha presuposición de nada. Obviamente, hai unha vontade de querer saber, pero tamén un respecto ó procedemento, “imos falar con todo o mundo, imos perseguir, imos ver que está a ocorrer”. Claro, cando un ve a película sabendo o que pasou con Nixon de repente sorprende, “a ver, pero se é un corrupto, ide a por el”. Pero eles van seguindo todos os pasos, e, de feito, é unha película que está moi ben feita porque no fondo non abusa de ningunha ética. All the President’s men a pesar da súa fama de romantizar o oficio, é unha das películas menos épicas que existen. É unha película case burocrática, é dicir, a maior parte da película son entrevistas, despachos, quedadas en aparcadoiros, chamadas eternas cun cigarro e unha máquina de escribir, todo setenteiro, xente con gravatas moi anchas… se seguimos ese fío non é unha película nada épica. Si que é algo máis épica The Post, ou algunha película clásica, pero All the President’s men é unha película na que hai un amor á verdade, non o amor á verdade porque exista unha verdade obxectiva, senón a honestidade: “vou tentar contar isto da mellor maneira posible e con moitísima calidade”.
Quizabes a razón desta ambigüidade é precisamente o empregar métodos pouco ortodoxos, saltándose a ética profesional. Se os xornalistas son os bos da película, pásanse a estes métodos para desenmascarar ó vilán; se son os malos, a falta de ética é o motivo perfecto para volvelos desprezables.
Porque son humanos. Eu aprecio moi a construción de personaxes que son humanas. Personaxes que teñen claroscuros, como Kane, que personifica a William Randolph Hearst, pero que é unha personaxe tremendamente humana. Con connotacións de vilán, pero cun lado humano, sensible, unha parte ferida, moi ferida, e unha parte ambiciosa…
A min as películas cadradas, de personaxes moi arquetípicas, non me interesan. A min, como espectador, interésame o conflito. E como xornalista… é un oficio que está na fronteira. Cando un oficio está na fronteira, como dicía Margaret Thatcher que “é moi perigoso estar no medio da estrada porque che colle o tráfico dende os dous sentidos”, entón cando un oficio está nese medio da estrada, por unha banda un suposto garante da democracia, a pesar de ser un garante que mana da propiedade privada e polo tanto non ten ningún tipo de control público nin cidadán, máis alá do consumo; e por outra banda esa denuncia do que se fai mal moitas veces con métodos… por exemplo, un procedemento que se fai moito en prensa que é abertamente, non ilegal, pero pouco ético: cando se levanta segredo de sumario e se saben as cousas, hai chivatazos. “Que facemos? Publicamos isto? Por que non? Vano publicar antes eles e gañan máis lectores ou ouvintes…” está esa carreira, e as personaxes que reflicten esta dualidade que se da no oficio creo que son máis interesantes. Porque, no fondo, están reflectindo o que ocorre a un xornalista cando ten unha exclusiva e ten que decidir que facer con ela, ou cando toca un tema polémico.
Imaxinemos unhas eleccións nas que hai risco de que gañe a extrema dereita e o partido progresista vese envolto nunha rede de corrupción. O xornalista que o descobre sabe que se destapa o caso o partido progresista perde as eleccións e gaña a extrema dereita. Que fai? Onde está a loita pola verdade? Cada un tomaría unha decisión. Se revelalo ou non, hai xente que agardaría ata que pasasen as eleccións… pero así estás enganando a xente, porque tes unha información que o resto non teñen. É ético? A min paréceme que non, eu creo que habería que contalo, eu contaríao caiga quién caiga, porque é o deber que tés cos lectores. Esa dualidade existe.
É a que lle da cor ó cinema. Sen conflito non hai cinema.
Non hai historia, claro. Bueno, si que a hai. Hai unha película terrible que á xente lle encanta que é L’Année dernière à Marienbad (Alain Resnais, 1961). É unha película do novo cinema francés dos anos 60, eu vina cunhas altas expectativas e non atopei o conflito. O conflito tíveno eu coa película. ¿Como me poden estar tomando o pelo desta maneira?
Cal é a película que mellor reflicte o oficio de xornalista?
Polo perigo que entraña e polo retrato cru, Citizen Kane. Expón xustamente estas dúbidas, eses dilemas constantes, dende a parte máis próxima á industria que eu penso que é a parte máis a criticar. Porque si que é certo que España goza dun xornalismo que o problema que ten é que non está ben pagado, pero temos uns profesionais… non só polo nivel de egresados e egresadas nas facultades, que somos moitos, senón que hai unha calidade evidente. Outra cousa é como se está a pagar esta calidade e como funciona a industria: por que non se contrata a máis xente, por que en países como os EUA ou en Europa os medios pódense permitir que un xornalista ou un equipo de xornalistas estea dous meses facendo unha reportaxe, unha reportaxe espectacular, e aquí se fagan reportaxes de tres días, catro días máximo. Ou dun día para outro! Son maneiras diferentes de entender o negocio, e Citizen Kane é moi revelador de como pode derivar isto.
Se nos permites subir á superficie, podemos falar do estereotipo máis básico e caricaturizado. Que cres que aporta introducir nun filme, por exemplo, un mozo vendendo xornais ó berro de “extra, extra!” ou planos de rotativas a imprimir páxinas a toda máquina mostrando grandes titulares elocuentes?
É o tópico. Estes planos cruzados de rotativas, “Taca, taca, taca, taca” (ri). De feito, fíxate que estamos a falar de películas onde o xornalismo igual non é o tema central pero aparece. En Adam’s rib hai un recurso moi gracioso que é que, a medida que avanza o xuízo, hai como uns separadores que son tiradas de xornais que describen como vai avanzando o xuízo e de súpeto saen caricaturas da personaxe de Spencer Tracy, o fiscal, enfadadísimo, porque a súa muller, Hepburn, fai unha boa defensa.
A prensa como medidor de tempo é moi interesante. Supoño que para imprimirlle dinamismo, non? Penso que ese tópico é moi bo porque é un marcador de tempo. Falamos dunha época na que a guerra, a segunda guerra mundial, veu contada por xornalistas, unha época onde a prensa era unha referencia moi importante para saber o que estaba a pasar. Iso é algo que estamos perdendo, e é normal que o perdamos porque de repente aparecen as redes sociais e aparece outra maneira de contar historias, non estritamente a través de canles xornalísticas. Outra cousa é que o xornalismo poida, e creo que o está facendo, referenciarse. É dicir, que ti estás consumindo unha noticia en El País ou na Cadena SER, porque te fías delas. “Eu poño a SER porque me fío.” Ou porque polo menos sei que se vai axustar ó meu criterio de calidade, por exemplo.
Entón vimos dunha sociedade na que o importante viña na prensa, onde os medios de comunicación como a radio… hai unha película marabillosa, Radio Days (Woody Allen, 1987) e Allen cóntao tamén nas súas memorias: a radio tiña un papel imprescindible na vida, sempre co transistor de fondo. Contaba a guerra, contaba o ocio, contaba o que había que facer, o que non había que facer, era unha ferramenta civilizadora, hexemónica de certas ideas… e ségueo sendo.
Entón, por que aparecen estes xornais? Pois por poñer un marcador de tempo, é dicir, algo importante está a pasar. Se fixeramos unha película hoxe en día igual o protagonista decataríase dunha novidade por Facebook ou por Twitter. De feito poderíase facer un paralelismo con esa escena das rotativas situándoo hoxe en día: como representariamos esa novidade? Cun “bip, bip”, cunha notificación, e o protagonista ten un aviso ou un chío de Twitter e mírao. “Ai, mira o que acaba de pasar!”.
O que antes tería visto nun xornal.
Si, ou nos titulares nun quiosco, ou acendendo a radio.
Ou acendendo a televisión, na época.
Exacto, logo a televisión tomou ese papel. É moi interesante, falamos sobre todo de cinema clásico e, debido a época, os medios de masas eran radio e prensa, até a chegada da televisión. Nos 70, 80 e 90 houbo este cambio. Son estes ultra-tópicos que se converten en marcadores de tempo. É a noción de que o xornalismo é unha crónica do presente. E cando algo é medidor do tempo ten un privilexio enorme porque quen mide o tempo controla as distancia, controla os espazos, controla os lugares… A día de hoxe, no cinema, iso está cambiando. É raro que alguén se decate de algo pola televisión; nas series de política como House of Cards (Netflix, 2013–2018) ou Baron Noir (Canal+, 2016–2020), o tema da prensa aparece pero hai un xogo en redes sociais enorme. É un mundo distinto.
Claro, as últimas grandes frases viralizadas non foron grandes titulares de prensa, senón chíos de Trump.
Si, e no noso país declaracións de Núñez Feijóo, Ana Pontón ou Pablo Casado. E fanse noticias con iso! Quen escoite un boletín de novas de tarde é raro o día que non oia “…e en Twitter unhas declaracións de alguén chamaron a atención”, ou un vídeo, ou un rechío.
No cinema todo adoita virar en torno ás variables que rexen a vida: o tempo e o espazo. O espazo xa o mencionamos nun artigo recente, pero sobre todo falamos de tempo, é un concepto ó que sempre volvemos. Por iso quizabes un marcador de tempo como pode ser a prensa ou hoxe en día as redes sociais, onde todo é efémero, marca tamén o camiño.
Claro, por suposto.
Cal é a iconografía do xornalismo no cinema? Nós, por exemplo, propoñemos a máquina de escribir.
Pois algo moi iconográfico nos xornalistas do cinema até os anos 70 era o sombreiro. Se é coa icona de press, aínda máis. A personaxe de James Stewart en The Philadelphia story (George Cukor, 1940), que precisamente tamén interpreta a un fotoxornalista en Rear window, leva sombreiro e é o que chama a atención.
Hai unha frase de Manuel Rivas que me encanta, que a súa nai lle dixo que “non se metera a xornalista, que buscara un oficio no que non se mollara”. O sombreiro, precisamente, tápate da choiva. Está o que leva James Stewart en The Philadelphia story y e está tamén o sombreiro de palla canotier que leva Jack Lemmon en The front page.
Ademais o sombreiro ten algo poético, que é que cobre a cabeza, tapa as ideas, é un contedor de ideas.
Outro elemento iconográfico é a redacción. Hai unha película moi boa con Paul Newman, Absence of Malice (Sydney Pollack, 1981), que está protagonizada por unha xornalista nunha cidade onde hai un caso de abuso, ou de corrupción, e ela involucra a un empresario local, non un peixe gordo. Ela cre que este home ten algo que esconder e el deféndese, protesta, vai á redacción. Hai un conflito que é moi interesante co tema da honra. Este filme é brillante porque amosa a outra parte do conflito que afecta a persoas: o nome que aparece vilipendiado nun xornal, igual que o que aparece en redes sociais, afecta á vida persoal. E esta xornalista fica primeiro na superficie dando por certas as acusacións que penduran enriba da cabeza deste señor, despois decátase de que non todo é o que parece e comeza a investigar.
E unha das cousas que máis chama a atención desa película, como en All the Presidents men, é a redacción. Esas redaccións míticas que ningún de nós vivimos, ningún da nosa xeración, e da anterior tampouco. Onde se fumaba moitísimo, onde se escoitaba ese “chic, chic, chic” da máquina de escribir… Eu, lamentablemente, nas redaccións nas que estiven… creo que a política nótase moito, pois a hexemonía política permea todo, e unha política de trinta anos de promoción do individualismo, do mercantilismo, do capitalismo máis deshumanizado, nótase nas redaccións, polo menos aquí en España. E nas que estiven, salvo notables exemplos, eran redaccións moi frías , asépticas, moi individualizadas, onde case non había contacto entre os traballadores, onde había unha enorme tensión e non había ese ambiente de convivencia que nos describen os xornalistas vellos de amizade, de compenetración.
Quizabes os dous equipos máis comprometidos do cinema e da narrativa en xeral, son a tripulación dun barco e a redacción dun xornal.
Pois ten moito parecido! Un medio de comunicación é un barco que navega e que se enfronta a tempestades. Como calquera empresa humana, enténdase empresa como saída, como proxecto, un medio de comunicación enfróntase ós vaivéns da vida e ó persoal. Todos sabemos que imos nunha dirección, non sabemos cal, pero que hai que manter a vela e seguir navegando.