Search

Especial 50 Episodios ~ Primeiro aniversario da canle de Youtube

Se me chegan a dicir que iamos durar 50 episodios, 8 artigos adicados a grandes cineastas e 3 vídeos da nosa canle audiovisual, non o crería. Pero, como dicía o outro, “ver para crer” e de ver, mirar, observar, contemplar, incluso de espiar, é precisamente do que ía todo isto. Por iso o noso logotipo é un olliño estilizado, minimalista e curioso que trata de pór en relevo o concepto de ollada.

Pois cada cineasta observa o mundo dende a súa propia perspectiva, única e intransferible. Perdón! Quería dicir única, pero non intransferible pois, precisamente, que é o cinema senón o anteollo a través do cal podemos poñernos na pel do outro, nos ollos do outro, sexa das personaxes protagonistas ou das persoas autoras da historia que se nos mostra na pantalla prateada? E que é a pantalla, máis que a porta onde se reflicte o feixe luminoso dende a cabina de proxección, que é un instante de luz capturado por un cinematógrafo -ou unha cámara de cinema, de vídeo ou formatos dixitais- e que nos relata unha historia, nos emociona e nos asombra.

Algunhas persoas din que o cinema é esculpir a luz. Eu diría máis, o cinema é esculpir a luz, significala e transmitila. 

Dotar un instante luminoso de significado é a mestría das persoas que se adican a facer cinema; revelar, ocultar, xogar cos nosos sentidos -falamos moito de ollos, máis non debemos esquecer o papel fundamental que ten o son no cinema- e incluso manipular, no bo sentido, as nosas expectativas. Neste senso, engadiría que non é tan importante ter unha boa historia -enténdase “unha historia orixinal e valiosa”- senón saber contala moi ben.

[…] o fume, as estradas, as multitudes, os rañaceos, as sombras, as luces da cidade que nos seducen, nos cegan e nos confunden. Como o mesmo cinema, un trampantollo, un engano para o goce dos nosos sentidos.

Os arquetipos, ou motivos narrativos, sonoros e visuais que se reiteran unha e outra vez a través da historia do cinema son tamén recursos, ferramentas, trucos e trampantollos adicados a esculpir, significar e transmitir instantes de luz: banquetes, risos, néboa, froitas, flores, multitudes, altos cumios e profundas covas, xestos, palabras, silenzos e movementos. Despois de todo, son as moving pictures, as imaxes en movemento, as que engaiolaron ao público por primeira vez un 28 de decembro de 1895 no Salon indien du Grand Café de París.

De todas estas posibilidades, gustaríame quedarme coa idea de que o cinema transforma o cotiá -a escaleira, o espazo liminar, o día a día-, transcéndeo na busca de significado, de tensión dramática e de profundidade narrativa para ofrecernos novas perspectivas. Pode ser unha simple escaleira; pero, no cinema, nunca será soamente unha escaleira.

Quedan moitas máis pictures, moitos máis motivos e arquetipos para debullar. Se con estes pequenos artigos e vídeos conseguín prender (ou manter prendida) en vós a chama da curiosidade polas películas, acompañádeme neste camiño.

Até o vindeiro episodio!