Pode ser unha emoción humana universal un arquetipo cinematográfico tamén? Imos analizar o caso da risa e a súa presenza nas pantallas ao longo da historia do cinema, a ver se damos cunha resposta a esta cuestión.
A risa aparece deseguido entre todas esas cousas que as persoas pioneiras do cinematógrafo consideraron merecedoras de ficar rexistradas para a posteridade. Falamos de finais do século XIX, o século da innovación e da experimentación científica. O século no que unimos o memento mori e a consciencia do efémero da vida -pois trátase dunha época con altos índices de mortalidade- co espírito analítico e creador da ciencia e do progreso tecnolóxico; unha boa combinación para que abrolle a necesidade de capturar a ánima das cousas e das persoas antes de que desaparezan deste mundo, primeiro coa fotografía e despois, en movemento, co cinema.
A risa humana, en calidade de emoción universal -o seu significado non adoita depender de factores culturais- e de expresión de máxima felicidade é, sen dúbida, unha desas cousas que debiamos conservar a toda costa. O humor é un dos primeiros motivos do cinema con curtas dos Lumière como L’arroseur arrosé (1895), e con cineastas como Buster Keaton ou Charles Chaplin chegou ao seu auxe. Hai tamén que engadir que o humor formaba parte do vaudeville que, como xa temos comentado, se trata dun antecedente directo da cinematografía e influiu de maneira determinante na construción dos seus arquetipos.
“A risa mata o medo”, foi posto na boca dunha personaxe de Der Name der Rose (Jean-Jacques Annaud, 1986) como unha crítica, aínda que a nós parécenos un eloxio. Neste filme, baseado na obra de Umberto Eco, ocorre un debate sobre a lexitimidade da risa que tamén nos pode servir para buscar pistas sobre o seu significado narrativo. A risa é un poderoso bálsamo contra todo o que tememos neste mundo. Ríndose dos fascismos, como Chaplin en The Great Dictator (1940) ou máis recentemente Guillermo del Toro no seu Pinocchio (2022), ridiculizámolos, perdémoslle o medo e quitámoslle poder sobre nós. É o poder da comedia. Da mesma maneira, a risa pode ser un bálsamo para personaxes que se enfrontan aos seus medos, como a risa maníaca de Ash en The Evil Dead (Sam Raimi, 1981) ante un fenómeno que escapa de toda lóxica para furgar nos seus peores pesadelos. Mais deixemos para un chisco máis adiante o análise das risas “maníacas”, que constitúen un estereotipo de seu.
A risa tampouco se libra de conter significados contrarios, incluso contraditorios, a un tempo. Xa o diciamos dende crianzas: “riste de min ou comigo?”. A risa pode conter cariño ou burla, é ambivalente. De aí a tensión da escena na que Tommy lle pregunta a Henry Hill “What do you mean funny, funny how? How am I funny?” en Goodfellas (Martin Scorsese, 1990). Polo mesmo motivo, a risa do público en Limelight (Charles Chaplin, 1952) representa o seu cariño e a súa acollida cara o cómico Calvero, en horas baixas, mentres que a risa desenfreada do público do primeiro filme sonoro da personaxe de Don Lockwood en Singin’ in the Rain (Stanley Donen, do mesmo ano) é para el un insulto e unha vergoña, pois non hai nada máis patético que a comedia involuntaria.
A risa ten unha característica especial, que é a de ser moi difícil de reprimir. E é altamente contaxiosa. Desta maneira, non é raro que se chegue a entrar nun bucle entre a audiencia e as personaxes, como en certa escena de Life of Brian (Terry Jones, 1979). Cando a risa se descontrola para converterse en gargallada, ademais, tamén pode derivar noutro tipo de significados afastados por completo da comedia. Falamos da risa maníaca, da que xa comentamos un exemplo hai un anaco, que é perfecta para mostrar a unha personaxe ao bordo da loucura, xusto cando acaba de cruzar a fronteira.
Moi preto desta categoría está a risa “malvada”, un cliché moi trallado en canto ao que se refire a caracterizar os viláns de filmes, habitualmente maniqueístas e de tramas simples onde os bos son moi bos e os malos son moi malos. Non deixa de ter o seu atractivo contrapoñer a lixeireza dunha gargallada coas sombras dunha personaxe de escuras intencións, sobre todo cando se fai ben, como o vilán de Per qualche dollaro in più (Sergio Leone, 1965), que cando estoura non se sabe o canalizará a través dunha gargallada ou dun acceso de violencia cara os demáis. O importante é o contraste, un dos recursos estilísticos máis útiles para xerar narrativas cinematográficas interesantes.
A gargallada non ten porque cinguirse a singificados negativos ou escuros. Ás veces trátase simplemente dunha forma de desfacer a tensión, de desfogarse -mellor rir que chorar, non si?- ou unha xenuína expresión de alegría, de alivio ou de satisfacción.
Ao longo da historia do cinema houbo lugar para risos absolutamente icónicos, como o das bruxas de Snow White and the Seven Dwarfs (Varios, 1937) e The Wizard of Oz (Victor Fleming, 1939), ambas pioneiras en establecer o cliché da risa malvada; ou o de Gwynplaine en The man who laughs (Paul Leni, 1928), que é sobre todo coñecido por ser a inspiración directa da personaxe de banda deseñada do Joker, con múltiples adaptacións cinematográficas.
Que opinades, é a risa un arquetipo? Son arquetipos as súas múltiples variantes? Se a base do cinema, para moitas persoas, é o primeiro plano e a emoción humana, o que queda claro é que a risa ten un lugar de honra entre as expresións máis versátiles e xenuínas para a gran pantalla.