Search

Chanzo a chanzo

Chanzo a chanzo imos percorrendo unhas escadas. A onde nos levan? Subimos ou baixamos? Descendemos unha ampla escaleira de opulencia colonial, cunha man no suntuoso pasamáns e a outra a termar do noso vestido para non tropezar. Abaixo agárdannos as olladas dos pretendentes, dos amigos e dos rivais. Rubimos unhas incómodas escadas de emerxencia, coa cara ciscada de pólvora, cara o alto dunha torre onde nos agarda o noso destino. Descendemos de novo, desta vez cara a escuridade dun soto que leva anos sen abrir, que fede a humidade.

A escaleira, en todas as súas variantes (de man, de chan, de espiral, de emerxencias, encartable, dupla, tripla, magna…) é un elemento presente dende o comezo na narrativa cinematográfica. É curioso, porque estamos a falar dun espazo liminardun lugar de paso no que, na vida cotiá, non adoitan ocorrer cousas interesantes. Sempre que percorremos os chanzos dunha escaleira é en dirección a outro lugar; non habitamos o espazo, non o utilizamos máis que para desprazarnos. De aí que, ao situar unha escena clave no espazo liminar dunha escaleira, rompemos o tecido do cotiá e espertamos o interese do público. Poboamos o espazo con personaxes, aderezámolo cunha discusión, un asasinato, unha declaración de amor, unha ollada, unha confesión e transcendemos así a súa función na realidade para convertela nun símbolo.

image

Nesta bitácora adoitamos insistir no feito de que todo elemento cinematográfico provén dunha decisión artística e consciente, que unha peza de atrezzo, unha localización específica, ven sempre planificada e ten unha razón de ser. En ocasións esa decisión vén tomada por razóns prácticas, ou estéticas. Ás veces vai máis alá, e búscase un determinado simbolismo, que na maior parte dos casos xa ven reflectido no guión, e polo tanto imbricado no tecido narrativo da historia.

image

Comecemos polas razóns máis profanas que poden levar a un cineasta a situar unha determinada escena nunha escaleira, porque tamén teñen a súa importancia. Non todo vai ser simbolismo nesta vida.

A escaleira aporta, a nivel visual, un efecto de profundidade. De tridimensionalidade. Sitúa aos personaxes nun plano superior ou inferior e, incluso, no fondo ou nun primeiro plano. Consegues unha escena complexa, cunha sensación de volume real. Consegues habitar o espazo sen desaproveitar ningunha das tres dimensións.

A tridimensionalidade, porén, é só unha de tantas maneiras de organizar o espazo en termos de composición. A historia do arte ensínanos, por exemplo, que na arte bizantina as personaxes situábanse e escalábanse seguindo unha xerarquía, non unha perspectiva lineal ou aéreaXesús Pantocrátor debía aparecer máis grande que os anxos de arredor. Da mesma maneira, pódense utilizar os chanzos dunha escaleira para xerarquizar determinadas personaxes con respecto a outras, colocando a quen ten o control da situación, por exemplo, na parte superior. En Double Indemnity (Billy Wilder, 1944), a femme fatale Phyllis Dietrichson fai a súa aparición estelar dende o piso superior dunha escaleira. Vienna, a protagonista de Johnny Guitar (Nicholas Ray, 1954)toma o control da situación situándose da mesma maneira. Hai un feixe de escenas coma estas!

image

Mais xa cruzamos a liña da narrativa e do simbolismo, agora non hai volta atrás. Podemos falar tamén de que como situar aos personaxes en diferentes alturas forza a ambos a ollarse cara arriba ou cara abaixo, respectivamente, o que pode significar o uso de planos subxectivos -é dicir, dende o punto de vista dos personaxes- picados ou contrapicados, nun ángulo que transforma a perspectiva -literalmente, pero tamén metaforicamente- que temos sobre eles: un plano picado pode converter a alguén nunha persoa indefensa, vulnerable, superada polas circunstancias ou por outras persoas; un contrapicado elévaa a unha posición privilexiada, poder, control, epicidade, determinación. É todo cuestión de perspectiva.

Porén, sen necesidade de utilizala para xerarquizar, a escaleira en si mesma contén todo un universo simbólico que pode transmitir ao espectador. É un deses obxectos que, segundo as súas formas e funcionalidades específicas, pode representar ás personaxes e ao mundo que a rodea; non é o mesmo unha grande escaleira central nunha mansión sudista en Xeorxia, EUA que unha escaleira de metal oxidada nun bloque de edificios no West Side de Nova Iorque.

Mais, aparte do evidente, unha escaleira pode múltiples significados. Pode ser a metáfora dunha saída, dun escape. A escaleira ao ceo ou o descenso aos infernos de Dante. As escadas infinitas que se perden na escuridade, como un pozo sen fondo, mais tamén o longo ascenso á gloria, a superación dos derradeiros chanzos como representación dun reto, un desafío ou dunha inseguridade a superar, como en Rocky (John G. Avildsen, 1976). Se é unha escada de espiral, retorcida, complicada, estraña, pode ser unha manifestación visual da paranoia que asola á personaxe que a percorre -disto sabían no Expresionismo Alemán- e se ascende dereita cara a luz pode tratarse dunha metáfora da Caverna de Platón. Se se fica no medio, pode ser un sinal de indecisión da personaxe -non coma nós, que sabemos perfectamente se subimos ou baixamos-. No filme All about Eve (Joseph L. Mankiewicz, 1950), as escadas reflicten a posición -e o ascenso- social das personaxes nunha carreira polo privilexio e a notoriedade. 

image

De todas estas posibilidades, gustaríame quedarme coa idea de que o cinema transforma o cotiá -a escaleira, o espazo liminar, o día a día-, transcéndeo na busca de significado, de tensión dramática e de profundidade narrativa para ofrecernos novas perspectivas. Pode ser unha simple escaleira; pero, no cinema, nunca será soamente unha escaleira.

Até o vindeiro episodio!