Search

O ollo e a máquina – Ciclo de cinema

Kinocube ten a honra de colaborar co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para ofrecer un ciclo de cinema durante o mes de abril. O ollo e a máquina é un percorrido narrativo, histórico, estético e científico pola sociedade occidental no século XX a través do concepto de computación e a súa representación audiovisual.

Os nosos obxectivos son salientar a importancia do cinema como construtor de ficcións arredor da ciencia e do progreso tecnolóxico; e polo tanto a súa capacidade para recoller, construír e reflectir a imaxe -máis ou menos deformada- do contexto histórico e social no que se desenvolve; explicar as interseccións entre a ciencia, a tecnoloxía e o cinema, con especial atención na física e na computación, dende a invención do cinematógrafo até a actualidade; establecer paralelismos entre diferentes épocas cinematográficas a través do corpus fílmico exposto e mais da súa percepción por parte da audiencia da época, da súa influencia estética e no pensamento e abrir o debate entorno á ciencia ficción e o seu diálogo coa realidade científica e social. Dividimos esta liña histórica en cinco eras, para maior practicidade, segundo o estado da tecnoloxía e a arte e de maneira cronolóxica: a Era da máquina, a Era atómica, a Era espacial, a Era da información e a Era cuántica.

O ciclo terá lugar no Auditorio do CGAG os días 5, 11, 12, 18 e 19 de abril ás 18.00h e cada filme contará cun pequeno coloquio posterior no que reflexionar sobre todas estas cuestións.

Propuxémosnos acompañar a cada proxección dun artigo que expanda e complemente a información exposta no ciclo. Poderedes atopar toda a información sobre este proxecto na web do CESGA, na web do CGAC e mais na etiqueta desta bitácora: O ollo e a máquina.

  1. A Era da máquina
  2. A Era atómica
  3. A Era espacial
  4. A Era da información
  5. A Era cuántica

Botádelles un ollo aos artigos que iremos subindo nos vindeiros días!

Até o vindeiro episodio!