Este artigo forma parte dunha serie que acompaña ao ciclo de cinema O ollo e a máquina, unha colaboración entre CESGA, CGAC e Kinocube. Se queredes máis información, está aquí.
Vén da entrega anterior desta serie: O ollo e a máquina IV – A Era da información.
Nas últimas décadas vimos de experimentar o vertixe da evolución tecnolóxica, sen precedentes na súa rapidez salvo, quizabes, ese século XIX de grandes inventos e cambios sociais. A dixitalización, a globalización e a expansión do virtual, procesos que comezaron nos albores da Era da información, sitúanse agora mesmo como os principais factores que dan forma ao noso mundo. Tanto que unha gran parte de accións que levamos a cabo no cotiá, senón a maioría, ocorren no plano do virtual: a socialización a través das redes sociais e a mensaxería instantánea, os oficios plenamente dixitalizados, o ocio e entretemento baseado en videoxogos, servizos de vídeo baixo demanda, a formación en liña, a información nos medios dixitais, as afeccións a través de dispositivos electrónicos, a burocracia a través de formularios en liña… quen nolo ía dicir hai vinte anos!
Na actualidade é habitual atopar o termo posmodernidade nos estudos sociais e de comunicación, mais a orixe deste concepto filosófico ten relación coa Era atómica, nos albores da investigación teórica arredor da física cuántica. Nas últimas décadas asistimos a un fenómeno no que se esvaecen as fronteiras da verdade e da posverdade, nunha loita continua contra a desinformación. Ao mesmo tempo, a crise climática, o consumismo extremo e a deshumanización levan á sociedade a buscar solucións, nun momento no que o reloxo da fin do mundo volve a atoparse preto da medianoite.
O cuántico é o novo atómico, nun senso estético e narrativo. As novas teorías, enerxías e tecnoloxías disruptivas albiscan a posibilidade de ofrecer esas solucións que agardamos. As potencias mundiais teñen a vista posta no desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas, sobre todo as comunicacións e a computación cuántica e en todo no que respecta á criptografía, pois témese que o primeiro país en atopar a maneira de utilizar este potencial será quen de desencriptar a información do resto, con consecuencias económicas e xeopolíticas impensables.
Ademais das posibilidades que ofrece a física cuántica para o avance da tecnoloxía, asistimos á aceleración da evolución tecnolóxica en outros aspectos da computación como a Intelixencia Artificial, que abre o debate ético sobre a lexitimidade do traballo feito por máquinas unha vez máis dende a Era da máquina; e mais a xestión de grandes masas de datos ou Big Data, utilizado a miúdo con fins comerciais.
As ficcións, incluídas as cinematográficas, pobóanse de multiversos, metaversos e conceptos científicos —ou pseudo-científicos, ollo!— que complican, multiplican e retorcen as tramas dunha maneira metacinematográfica. O meta, as rupturas das cuartas paredes e das convencións narrativas, están de moda. A ciencia ficción e a está de novo moi presente no mainstream cos superheroes e mais os Universos Cinematográficos, unha nova maneira narrativa transmedia de desfrutar do cinema introducíndose en dimensións ficticias que van máis alá dun só filme, que se cruzan, partillan e desenvolven tramas, personaxes, temáticas e outros elementos a través de varios produtos audiovisuais, diferentes formatos e soportes; existe retroalimentación entre o fenómeno televisivo —os seriais, concretamente— e o cinematográfico, xa plenamente dixitais e que comparten fogar nas novas plataformas de vídeo baixo demanda como Netflix ou Disney+.
Estéticamente, a física e a física cuántica en particular exprésase cunha serie de motivos visuais moi semellantes á representación tradicional da maxia e, no cinema, materialízase a través de imaxes xeradas por computador ou CGI que simulan raios, feixes de luz e partículas irreais. Os efectos dixitais e a animación en 3D dixital experimentaron un auxe nos últimos anos, aínda que a crecente precariedade do sector actúe en detrimento da calidade dalgunhas producións.
Mentres, as redes sociais actúan como espello deformado do eu e do colectivo, acentuando a temática da perda da identidade presente xa na época anterior. A nosa identidade dixital é unha farsa? Quen somos cando quitamos a máscara?
Algunhas novas olladas que xorden ou se consolidan na ciencia ficción son aquelas que proveñen de grupos sociais minorizados, como o afrofuturismo, ou de cinematografías arredor do globo. As mulleres van pouco a pouco gañando terreo dentro dun xénero que adoitaba pecar de pouco inclusivo, formando parte tanto da audiencia como da produción.
Precisamente a lucense Olga Osorio asina o filme que nos ocupa hoxe, unhas das primeiras —senón a primeira— película de ciencia ficción galega: ¡Salta! (2023), unha comedia de aventuras familiar que segue ao rapaz Teo e ao seu irmán Óscar a través de saltos cuánticos a través do tempo. O filme xurde dunha curtametraxe da propia directora, Einstein-Rosen (2016), gañador do premio do público do noso Festival de Cans en 2017. A curta xa exploraba a potencialidade dun fenómeno da física teórica coñecido como a ponte Einstein-Rosen ou, a nivel popular, burato de verme —ou de miñoca, en portugués—, do que non se demostrou aínda a súa existencia mais xa alimenta a imaxinación das artistas de ciencia ficción dun tempo a esta parte. Na longametraxe explícase a complexidade dos saltos temporais dos protagonistas a través dun fenómeno cuántico chamado entrelazado.
Porén, o mellor deste filme quizabes sexa que o contexto científico está ao servizo da trama e da premisa subxacente. ¡Salta! explora unha das temáticas predilectas do cinema familiar e xuvenil actual, que é o superar o trauma xeracional, presente noutros filmes como Everything, everywhere, all at once (Daniel Kwan, Daniel Scheinert, 2022). No filme, Teo e Óscar —os nosos protagonistas— terán que aprender a tolerarse, a perdoar os erros e a apoiarse o un no outro para superar todas as dificultades que atoparán no seu camiño.
Unha das cousas máis interesantes do filme é que transporta ao viaxeiro no tempo do pasado recente cara ao presente no que nos atopamos como público, no canto de levarnos a nós cara a un futuro distante. E non só porque confronta épocas que, aínda que non están tan afastadas cronolóxicamente, si que foron suxeito de grandes cambios en moi pouco tempo, como xa vimos nesta bitácora; ademais, resulta curioso observar a nosa propia Era con ollos frescos, con certa inxenuidade na que aínda hai espazo para marabillarse. En definitiva, cos ollos dunha crianza.
Remata O ollo e a máquina no presente absoluto, mais semella que puidemos chegar a poucas conclusións definitivas; se a ciencia ficción se caracteriza por algo, é por abrir debates en torno ao progreso tecnolóxico, por facerse preguntas sabendo que tardarán moitos anos en resolverse, igualiño que a ciencia real sobre o que se sustenta. É tamén a ciencia unha construción narrativa que utilizamos para explicar o que nos arrodea? É a máquina, é dicir, o cinematógrafo, un ollo máis perfecto que o noso á hora de transmitir o que nos arrodea? Deixámosvos con estas cuestións para que sigades a reflexionar pola vosa conta.
Namentres, dámosvos as grazas a todas as persoas que leron esta serie especial de artigos e mais ás que viñeron ás proxeccións do ciclo de cinema O ollo e a máquina, un proxecto de Kinocube Cinema en colaboración co CESGA e o CGAC para traervos unha historia na que ciencia e ficción se entrelazan a través dos fotogramas das cinco películas titulares.