Search

Lobo con pel de año

Por estas datas seguro que xa tivestes ocasión de ver algún disfrace de gangster. É un clásico, un deses arquetipos que nunca pasa de moda lucir no Entroido, xa sexa un disfrace manufacturado na casa ou comprado nunha tenda entre eses modelos de tea fina e brillantina. Nesta ocasión non falaremos do gangster como personaxe arquetípica, senón do seu traxe.

O traxe formou parte do vestiario cinematográfico dende o comezo, tratándose dunha peza vital do armario masculino –e feminino, como demostrou Marlene Dietrich xa nos anos 30– para evidenciar o estrato social, o poder ou a personalidade dunha personaxe. Ben, en certos xéneros –nominalmente o film noir– o noventa por cento do metraxe era ocupado por homes brancos de traxe falando de cousas serias. Porén, pouca xente na actualidade escollería disfrazarse de detective hardboiled do cinema negro, nin de honesto empregado de banca dos anos 50, nin de dandi curtido nos salóns de alta sociedade de principios de século. A xente enfúndase un traxe de tres pezas, acompañado quizabes dun elegante sombreiro fedora ou dunha Thompson de xoguete, para parecer un gangster dos anos 30.

Ademais, falamos dun traxe peculiar. O máis característico da época era o traxe coa chaqueta cruzada, a miúdo a raias, que popularizou o carismático Eduardo VII, príncipe de Gales, posteriormente rei de Inglaterra durante un brevísimo tempo e finalmente duque de Windsor. Este membro díscolo da familia real británica foi unha icona de moda e unha personaxe problemática a partes iguais –polas súas máis que documentadas simpatías cara o nacente réxime nazi–. O estilo do príncipe de Gales chegou á hampa norteamericana, e os membros das súas bandas copiaron aquel traxe característico adaptándoo ás súas necesidades. Os filmes de gangsters que xurdiron na época das primeiras talkies ou filmes sonoros encargaron de fixar a súa imaxe para a posteridade. A partir dese momento, paralelo á evolución do arquetipo do gangster no cinema, o seu traxe irá cambiando conforme aos estándares de glamour decada época. Pois o Scarface de Brian de Palma, encarnado por Al Pacino en 1983, leva camisas de longas lapelas e brillantes estampados; mais que lle imos facer, aquel era o concepto de elegancia e clase naquelas coordenadas espazo-temporais! O importante era asemellarse a aqueles que posuían o poder e o diñeiro: vestir ben significaba vestir como un rico, e os ricos levaban traxe.

Como resultado, temos criminais, mafiosos, gangstersmobsters e demais individuos da mesma ralea que perpetran os seus crimes violentos en traxes de seda –como lle gustaban a Al Capone, outra icona da moda do seu tempo– dando lugar a un contraste moi atractivo para o cinema. Xa temos mencionado nalgunha ocasión que o cinema adora os contrastes, e máis cando serven para facer avanzar unha trama. Neste caso, un señor aseado, elegante e inmaculado que é capaz de disparar cunha metralladora a un inimigo ou a un rival sen pestanexar. E utilicei precisamente a palabra “inmaculado” no sentido literal, “sen manchas”, porque o contraste entre unha camisa branca e unhas mans sucias –metaforicamente ou non– é un dos grandes atractivos deste tipo de personaxes. Como titulei este episodio, o gangster convértese nun lobo con pel de año, un depredador sanguinario que se fai pasar por un dandi ou por un empresario máis ou menos honrado a ollos da xustiza ou das súas vítimas. Unha nova volta sobre a expresión “as aparencias enganan”.

Isto, por suposto, seguindo unha lóxica hollywoodiense, que non ten porque axustarse coa realidade social dun país. Sabemos que os arquetipos poden ser fieis reflexos da sociedade ou todo o contrario, é dicir, evidenciar as carencias dunha sociedade a través de representacións idealizadas ou deformadas da mesma. O arquetipo do gangster, co seu traxe de tres prezas, xurdiu en parte como unha resposta á caída do american dream, como un escape para aquel público consciente de que nunca chegaría á cima da meritocracia. Quen non querería lucir como James Cagney en The Public Enemy? Ou como o mesmísimo Al Capone?

A proba está na rúa, nos centos de disfraces de gangster que aparecen cada ano ao chegar estas datas. O Entroido nútrese do cinema para habitar os desfiles e festas con caricaturas de personaxes e arquetipos provenientes do celuloide, dende cowboys a monstros da Universal, dende bombshells do cinema clásico a, por que non, gangsters. Por iso, abrimos a posibilidade de aproveitar Entroidos vindeiros para centrarnos en elementos do vestiario cinematográfico, dos disfraces a un e ao outro lado da pantalla.

Até o vindeiro episodio!