Search

Aaaaah!

Aaaaah! Uaaaa!! Xa o soltei. E que liberador resulta botar un berro de cando en cando! É outra desas accións humanas naturais -de feito, non somos os únicos animais que o fan- que ao plasmarse na gran pantalla desenvolven todo o seu potencial semántico e dramático.

Ousaría dicir que o berro, como concepto, acadou o seu maior potencial dramático no cinema, pois é o seu contexto ideal. O berro é son, pero tamén expresión visual. Son ondas sonoras, pero tamén é unha face estarricada de maneira grotesca, os ollos como pratos e a boca aberta até vernos a gorxa. Até o punto que, un berro cinematográfico pode ser máis intenso cando é mudo, como un dos berros máis icónicos da historia do cinema, o de Michael Corleone no final da triloxía de The Godfather (Part III, Francis Ford Coppola, 1990). É como se, ao negarnos o estímulo sonoro, recreáramos na nosa cabeza, subxectivamente, o máis desgarrador dos berros.

É probable que cando lestes o título deste artigo pensarades primeiro nalgún filme de terror. E pode que ese filme formara parte, ou non, da escolma audiovisual que acompaña a estas palabras; pois na miña selección tentei abarcar unha chea de contextos e xéneros narrativos que non se circunscriben ao máis evidente. Mais é inevitable: o berro producido canda o sobresalto é un dos piares fundamentais do cinema de terror. Tamén no thriller, no slasher, no giallo e nos filmes de suspense en xeral. Chamamos scream queens ás actrices especializadas no terror, e admiramos a súa habilidade á hora de soltar berros agudos e esgazados diante do asasino ou monstro que toca en cada ocasión.

Mais o susto non é a unica situación na que ceibamos a nosa voz a gran volume; hai berros de desesperación, moi propios dos xéneros de drama, berros que suplican, berros de autoridade, berros con nome de muller (Stella! Elaine!), discusión que acaban a berros ou berros que ceiban o último alento dunha personaxe que sofre un ataque, unha doenza ou unha gran pena.

Na épica tamén atopamos heroes -e en menor medida, heroínas- que botan berros de batalla antes ou durante dos conflitos armados, que demandan terra, liberdade -este é un dos favoritos-, honor ou xustiza. Aseméllanse ás consignas berradas nas manifestacións, representación inequívoca dunha reivindicación.

E, por que non, hai berros liberadores, como o que abreu este episodio, que xurden dunha arroutada irracional que nos insta a berrar, chorar, bailar ou rir para ceibarnos das nosas preocupacións. Estes son, persoalmente, dos meus favoritos. Hai un impulso dentro de nós que quere ser molesto, ruidoso, vibrar as cordas vocais, ocupar o espazo e o espectro sonoro e visual para expresarse, como os lobos a ouvear á lúa ou os estorniños a voar dando voltas sen rumbo.

Se esta bitácora fose escrita en lingua inglesa, tería que facer unha distinción e quizabes dividir esta reflexión en dous episodios, pois non é o mesmo scream -que denota un berro menos articulado, máis propio dun sobresalto ou dunha expresión de dor- que yell -a acción de expresar unha mensaxe articulada a grande volume, máis propia da expresión irada-. Ou incluso shout -dicir algo en voz alta, sen dixirirte especificamente a ninguén e sen ser necesariamente irado nin despectivo-. Porén, para o caso, todos estes exemplos teñen cousas en común: son maneiras de expresarse, son intensas -esta palabra é clave- e sonoras.

Cecais notástedes xa un sesgo entre os exemplos de arquetipos que fan uso do berro no cinema que citei antes, pois na pantalla, cando berran, as mulleres son a miúdo vítimas, son obxectos dunha acción -falamos do terror e do suspense- e podemos relacionalas coa verba scream. Porén, os homes son suxeito, usan o berro como agresión, como ataque, para dar fundamento á súa masculinidade e expresar a o seu dominio da situación. Os estereotipos de xénero, por suposto, teñen influenza nos arquetipos cinematográficos. Recordo agora unha tendencia que houbo nas redes sociais de facer supercuts de actores -masculinos e brancos, na súa maior parte- representando escenas de grande intensidade nas que as súas personaxes perdían os papeis e berraban ou discutían con ferocidade, pregoando canda aqueles vídeos a mensaxe “isto si é actuar!”. Claro que é actuar; e tamén o é unha ollada, un xesto case imperceptible ou un aloumiño entre dúas personaxes.

A clave, como diciamos, está na intensidade. O berro sempre denota intensidade, aporta dramatismo a unha escena, lévaa a outro nivel. Por iso, nun tempo no que o cinema era doutra maneira, quizabes máis sutil, os berros reservábanse para os momentos climáticos; tamén se reservaban os primeiros planos ou determinados movementos de cámara. Dun tempo a esta parte, calquera destes recursos está máis presente e máis a miúdo, sobre todo en xéneros relacionados coa acción, thrillers e épica. O mítico Wilhelm Scream, o berro máis famoso do cinema, omnipresente nos últimos tempos, é un pequeno indicativo da situación. Quizabes é o momento de respirar, reflexionar e reformular o estado da arte cinematográfica.

Ou non, cecais é o momento de escapar debaixo das vías do tren, tomar alento e ceibar un grande berro liberador, que nos deixe cansados e satisfeitos.

Déixovolo á vosa elección.

Até o vindeiro episodio!