Search

A aventura da modernidade

Fagamos un pequeno exercicio de imaxinación e situémonos nos anos 30. O cinema leva corenta anos perfeccionando a súa linguaxe, dende as primeiras propostas pioneiras e mais os experimentos á marxe da norma, até que os cineastas de Hollywood inauguraron a era do cinema-espectáculo. A estas alturas, a arte cinematográfica está totalmente asentada. As persoas acoden ás salas en masa… que é o que queren ver? Ás grandes estrelas como Jean Harlow ou George Raft? Rir coas comedias de enredos ou chorar cun drama histórico? Unha bélica, unha de gangsters, quizabes un bo western?

Non é probable que Jane Doe, unha espectadora hipotética que sae dunha sala de San Francisco para a sesión de tarde en 1932, dixera algo como: “como me gustou o último filme de Frank Capra!”. É máis probable que se referira á película pola estrela titular ou polo seu xénero.

image

A cinefilia actual outórgalle unha importancia capital á dirección cinematográfica como sinónimo de autoría, pero isto non foi así sempre. Adoita falarse, cando se trata dos albores do cinema clásico, de “cineastas artesáns”, como contraposición aos “cineastas-autor”.

De onde ven esta distinción? Nos anos 50-60, coincidindo coa ruptura dos canons do cinema clásico e a chegada das olas de modernidade cinematográfica, os enfants terribles da Nouvelle Vague –a nova ola de cinema francés– como o crítico e teórico André Bazin fundaron Cahiers du Cinema, unha publicación periódica que revolucionou a arte de pensar o cinema. Cambiaron a maneira de facer crítica cinematográfica, revalorizaron aos vellos cineastas do Hollywood clásico e reivindicaron o papel dos directores como autores e autoras totais.

Aqueles artistas novos, rupturistas á par que idólatras, subiron a directores como Hitchcock ó podio do cinema. Mais tampouco é que descubriran a pólvora, pois Hitchcock xa era unha celebridade no auxe do cinema clásico. Quizabes a nosa amiga Jane Doe si puidera acudir á sala de San Francisco baixo o reclamo do novo filme de Hitchcock, mago do suspense e rei dos cameos sen disimulo. E seguramente as persoas que acudiran a ver Sunset Boulevard (Billy Wilder, 1950), polo menos unha parte, eran capaces de recoñecer a Cecil B. DeMille no seu breve cameo, canda a Buster Keaton e a Erich von Stroheim.

Poderiamos, quizabes, concretar que os amigos de Cahiers du Cinema inventaron, como quen di, a cinefilia. É dicir, o concepto de idealizar a visión autoral dunha filmografía. Os artistas que pasaron do caderno á cámara para realizar os seus propios filmes, como François Truffaut e Jean-Luc Godard, fixérono en calidade de autores. A partir dese momento, aparece no discurso a distinción entre o autor consciente e o cineasta artesán que compoñía os filmes por encargo dun produtor.

image

Mais, como podemos ver, a liña é difusa. Son Raoul Walsh, William A. Wellman e Howard Hawks, os protagonistas deste artigo, cineastas artesáns? Aceptaban encargos, rendíanse ás tendencias da época e axeitábanse aos xéneros cinematográficos, ao que pedía o público. Que Jane Doe quería ver, en plena Gran Depresión, gangsters impolutos, bandas rivais e violencia desmedida? Walsh, Wellman e Hawks daríanlle todo iso e máis. Impedíalles este feito desenvolver filmografías con pegadas autorais indiscutibles, innovar na técnica e na narrativa e romper cos canons establecidos? Eu penso que non. Entremos en materia, que non é sen tempo, e presentemos aos cineastas titulares do episodio de hoxe.

Albert Edward Walsh, coñecido como Raoul Walsh, entrou no cinema pola porta grande: da man do pioneiro D. W. Griffith. Ademais de ser o seu asistente e actuar para el, pois fixo do asasino de Lincoln en The birth of a nation (1915), na primeira longametraxe da historia, subiuse rapidamente á cadeira de director estreando o primeiro filme de gangsters, The regeneration… o mesmo ano! Despois de servir no exército na Primeira Guerra Mundial, volve de novo ao cinema, tanto diante como detrás das cámaras. Deixa o oficio actoral cando perde un ollo nun accidente de tráfico provocado por unha lebre.

O seu espírito aventureiro levouno polos xéneros de acción, narrativas épicas e localizacións exóticas; el mesmo foi un aventureiro, ao ter que abandonar o fogar con 15 anos a gañar a súa vida, polo que as súas personaxes reflicten a vida como unha grande aventura, ás veces cara a gloria e ás veces cara o abismo. Por iso Walsh quixo contar historias de gangsters, de heroes de guerra, de ladróns, piratas ou vaqueiros.

Walsh compón os filmes –segundo as propias palabras– como quen pinta un cadro, mais eu engadiría que o fai con grandes pinceladas rápidas, que con dous trazos xa se recoñece un rostro, un carácter, un subtexto. Raoul Walsh achega a cámara aos personaxes, sobre todo en escenas de grande calado emocional como as de romance, facéndonos partícipes do que ocorre. Nos ollos de Ida Lupino –outra grande cineasta/actriz da que tocará falar nalgunha ocasión– durante o clímax de High Sierra (Raoul Walsh, 1941) atópase a verdade do cinema enteiro.

image

Os comezos de William Augustus Wellman tampouco foron para botar foguetes. Aínda que non proviñese dun estrato social baixo, a súa xuventude achegouno ao límite mesmo da delincuencia xuvenil –un dato que fai aínda máis interesante a trama de The Public Enemy (1931) sobre un neno gamberro que medra para converterse nun gangster abocado á fatalidade– até a súa participación, como Walsh, na Primeira Guerra Mundial. Durante o conflito armado meteuse a piloto de avións e incluso foi condecorado e alcumado “Wild Bill”. Non é estraño que un dos seus primeiros grandes éxitos fora o filme mudo Wings (1927), sobre avións de combate, gañador do premio Outstanding Picture na primeírísima edición dos premios da Academia do Cinema de Hollywood –que, por certo contaba con Walsh entre os seus fundadores–. Aínda non se chamaban Oscars, claro.

A súa innata capacidade de adaptación –filmou dende screwball comedies até westerns– levouno a comprender e aplicar o turbulento espírito dos anos 30 á acción rápida e trepidante, con violencia desmedida pre-código Hays, con personaxes que son dinámicos até cando están quietos, con innovacións técnicas que lle permitían meter cámaras até nas cabinas das avionetas de combate. A partir dos anos corenta, acouga un pouco para ofrecer filmes de combustión máis lenta, como a tensa The Ox-bow incident (1942), na que ofrece un enfoque sobre o prexuízo e a inocencia moi adiantado ao seu tempo.

image

Wellman déixase influenciar polo derradeiro dos cineastas deste episodio, un bo amigo del e un dos máis grandes cineastas do seu tempo: Howard Winchester Hawks.

Falamos unha vez máis dun aventureiro, doutro mozo que triunfa no cinema á súa volta da Primeira Guerra Mundial e que, como os anteriores, se adapta a calquera tipo de historia e a calquera xénero cinematográfico. Máis que adaptar, bórdaos. Só fixo unha película de gangsters nos anos 30, pero fixo a mellor. Tocou a screwball comedy nun par de ocasións, mais unha delas é Bringing up baby (1938), probablemente a máis lembrada. Ademais do tándem Cary Grant-Katharine Hepburn, Hawks foi o culpable de xuntar na pantalla a Humphrey Bogart e a Lauren Bacall asentando as bases do cinema noir con The Big Sleep (1946). Por non mencionar os westerns dos anos 60.

image

O seu estilo estaba despoxado de artificialidade, el mesmo se contentaba coa etiqueta de “bo artesán” e, porén, aínda podemos atopar as súas pegadas autorais tanto na narrativa como na técnica: camaradaría masculina, homes enfrontados ao mundo, mulleres fortes e independentes, humor ben situado até nos momentos máis tensos, cámara ao servizo da acción, secuencias impecables…

Tres personaxes da súa época, tres aventureiros, tres grandes cineastas do Hollywood clásico, tres… artesáns ou artistas? Este é o momento no que vos animo á reflexión, pois non hai unha única resposta válida. É certo que a cinefilia, en ocasións, peca de elitismo cultural, de ser unha comunidade moi pechada ou moi dogmática, de ser moi selectiva en canto á etnia ou ao xénero das personaxes que escolle reivindicar. Defendo porén que, despoxada de dogmas e prexuízos, o que mola da cinefilia é a (re)descuberta de grandes cineastas e de filmes como os que Walsh, Wellman e Hawks nos legaron. Abrir os ollos ao pasado e ao presente e deixarse asombrar de novo pola maxia do cinema.

Até o vindeiro episodio!