Os animais non adoitan ser, salvo salientables excepcións, os protagonistas do cinema non animado; por unha banda, polas dificultades de atopar animais co suficiente talento interpretativo e, pola outra, porque o cinema é antropocéntrico e humanista por definición e costume.
Porén, os animais si protagonizaron tradicionalmente o mundo das fábulas, das alegorías, dos refráns e das metáforas. Polo rabo da culler vai o gato á ola; cando o burro ornea sempre hai outro que escoucea; can morto non rabea; o boi para arar, o paxaro para voar, o peixe para nadar e o home para traballar… Por iso, existen moitos arquetipos fílmicos relacionados cos animais.
A min, persoalmente, fascínanme aqueles relacionados coas aves. Como moitos fenómenos naturais, pode ter connotacións positivas, negativas, neutrais ou incluso máis complexas. Esta é a primeira dunha pequena serie adicada aos paxaros no cinema.
“Non todas preferimos o paxaro na man.
A outras dános polo cento voando…”
Andrea Nunes Brións
A primeira das imaxes que me veu á mente cando tentei imaxinar aves no cinema foi a dun paxaro engaiolado. Presente xa no imaxinario popular a través de expresións e refráns, esta metáfora visual tivo unha grade proliferación ao longo da historia do cinema. Utilizouse a miúdo para representar a falta de liberdade das personaxes humanas ora como parte dun decorado, ora como obxecto co que se interactúa na escena.
Durante un tempo foi moi habitual a presenza de gaiolas con paxaros cantadores en moitas casas das entornas urbanas; e, de feito, as primeiras tendas de animais domésticos do século XX eran chamadas paxarerías e este era o xénero que máis vendían. Hoxe quizabes se trate dunha realidade menos habitual, pero segue aí.
É por iso polo que a existencia deste arquetipo semella un tanto paradóxica. Como casar que o paxaro engaiolado representase de maneira universal a inxustiza e a dó que acarrexa a privación da liberdade co feito de que a xente non tivese ningún reparo en condenar a este triste destino a un pequeno animal, confinándoo nun espazo minúsculo para o desfrute doméstico?

Esa falta de liberdade pode ser máis literal -ao falar dunha persoa presa, secuestrada ou atrapada dalgunha maneira- ou máis abstracta, reflectindo todo tipo de tabúes, complexos e represións que inflúen nas decisións das personaxes.
É moi habitual vencellar o arquetipo do paxaro engaiolado coas personaxes femininos, sobre todo en historias que tratan da represión que sufren as mulleres dentro das estruturas sociais patriarcais, tanto de tipo familiar -a presión de madurar cedo, competir con outras mulleres, atopar parella ou formar unha familia nuclear antes de ser considerada unha solteirona- como sexual -o sometemento sexual ao home ou a negación do desexo feminino-. Ademais das femininas, as personaxes queer tamén poden aparecer reflectidas por esta metáfora visual, cun significado semellante á expresión “estar dentro do armario”, é dicir, non revelar a propia identidade ou orientación sexual disidente da norma por medo ás represalias, ao rexeitamento social, á ameaza á integridade física ou a calquera outra razón.
Mais quizabes o uso más habitual do arquetipo é o de representar visualmente que as personaxes protagonistas corren perigo, o perigo de seren atrapados ou “cazados” polas personaxes antagonistas, tanto de maneira física -nunha persecución, por exemplo- como psicolóxica -mediante algún tipo de manipulación-.
Ceibade os paxaros das gaiolas! E se tedes curiosidade por máis arquetipos aviarios, seguide con atención esta pequena serie.