Cando acometo a escrita desta bitácora quincenal, preparo as luvas, collo o bisturí e póñome a diseccionar con coidado o arquetipo que nos ocupa en cada episodio. Busco na escena do crime as probas da súa existencia -para demostrar que non é invención miña-, analizo o corpo do delito para determinar as súas causas e consecuencias e repaso a literatura anterior sobre o suxeito para facerme con antecedentes que me axuden a explicar as súas motivacións. Ben traída, esta metáfora pode achegar literariamente o meu método analítico ao que ven sendo unha investigación policial.
O cinema precisa de conflitos para nutrir as súas narrativas e, por razóns evidentes, o amor e a morte son cecais os grandes temas dos que extraer ditos conflitos. Cando ocorre unha morte violenta na pantalla, en segundo que xéneros, a continuación pode acontecer -e é moi habitual que o faga- unha investigación. As forzas e os corpos policiais poñen en marcha un proceso, unha cadea de procedementos polos cales se busca un resultado: un culpable. “Quen foi?” E aínda podería dicir máis –parafraseando a certos policías da ficción-: “por que ocorreu?”. Cando escoitamos unha historia de crimes, é máis interesante incluso descubrir o móbil do crime que o culpable. Detras dun móbil hai sempre unha historia oculta que temos gañas de coñecer, que nos atrae, que adoita ser máis intensa e profunda que a propia historia da investigación.
Iso si, hai que aclarar que a representación destes procesos no cinema non adoita seguir as pautas do realismo. Hai de seguro podcasts, canles e programas adicados a desmentir os mitos da investigación policial nos medios de comunicación, concretamente na ficción, e ínstovos a que procuredes información pola vosa banda. Nós non imos afondar.
O que podemos asegurar é que unha boa historia precisa ás veces desmarcarse do camiño do realismo. Ocorre que ás veces un corpo policial non é a personaxe máis interesante para seguir a través dunha historia, así que a investigación levaráa a cabo un detective privado -esa figura que inventou realmente Arthur Conan Doyle cando creou ao inmortal Sherlock Holmes– con métodos pouco ortodoxos e grandes dotes dedutivas ou, por exemplo, unha personaxe protagonista que se ve na necesidade de emprender a investigación pola súa banda debido á ineptitude das institucións que se supoñen encargadas de velar pola seguridade do cidadán -o que se me antolla realista, por que non negalo, en certos casos. Entre os motivos que poden levar a un ou unha amateur a emprender a investigación dun crime pola súa banda ocórrenseme:
a) A personaxe é acusada do crime e quere limpar o seu nome, como en moitos guións dirixidos por Alfred Hitchcock.
b) A personaxe asasinada é un ser querido da personaxe que decide investigar.
c) Hai motivos políticos que converten ás forzas policiais en inimigos, que os corrompen ou os impiden traballar con normalidade.
d) A personaxe ten como hobby o true crime e ilusiónalle formar parte dun caso.
e) A personaxe que investiga é xornalista. Sempre se meten até fondo da cuestión!
Por suposto, nunha historia poden ter cabida moitas delas a un tempo. Tamén teñen cabida unha serie de clichés e motivos visuais que son comúns a este tipo de tramas: o encontro fortuíto da vítima, o levantamento do cadáver, a investigación da escena do crime, a autopsia na morgue, os interrogatorios a posibles persoas sospeitosas -en ocasións, rodas de recoñecemento con “sospeitosos habituais”-, carreiras detrás de persoas que teñen algo que ocultar, falsas pistas e, por suposto, o clímax no que se descubre á persoa culpable do crime.
A presenza ou as distintas presentacións posibles destes motivos veñen dado tamén polo xénero onde se enmarcan. Na novela policial do século XIX, baixo a tradición do Auguste Dupin de Edgar Allan Poe, o Holmes de Doyle ou o Poirot de Agatha Christie. É esta última autora a que converte o whodunit na marca da casa, tendo unha grande influenza na literatura e cinema posterior. Whodunit non é máis que unha sorte de abreviatura de “Who’s done it?”, é dicir, “quen o fixo?”. Propio do xénero whodunit é o presentar un cartel cheo de personaxes variopintas con diferentes coartadas e motivacións; e deixar que o investigador ou a investigadora reúna a todas elas, unha vez deducido o que aconteceu na noite de autos, para facer a derradeira revelación públicamente. Christie tamén ten o mérito de colocar no papel de investigadora a personaxes moi lonxe do standard de Dupin ou Holmes, con protagonistas únicos no xénero como Poirot -unha figura pouco heroica- ou Miss Marple -unha muller-.
Seguindo o fío anterior, e como mencionamos antes, con Holmes xorde o detective privado ou private eye, figura que collerán a novela e o cinema noir e o convertirán no detective hardboiled, que xa non é tan listo nin serio, pero é duro de pelar, inquedo e eficaz. Como o Philip Marlowe de Raymond Chandler, un tipo taciturno e con moitos conflitos internos, pero que sempre chegará até a fin da investigación.
Máis tarde, no thriller á maneira de Alfred Hitchcock, a investigación materializarase no navegar entre coartadas, espellos e trucos, como en Vertigo (1958) ou en Rope (1948), para desvelar como -máis que “por que”- fixo a persoa asasina para crear o crime perfecto. E mostrar, por suposto, as súas imperfeccións.
Directo en liña dende Agatha Christie e o thriller hitchcockiano, aparece nos 70 o xénero do giallo italiano, no que afondaremos máis adiante, pero que conta coa investigación dun crime por parte dunha persoa amateur no centro da súa trama, por definición. Como particularidade, aquí o “quen foi?” é máis ben “quen está a ser?” pois falamos sempre dunha asasina ou asasino en serie, que segue a matar; o que aporta aínda máis tensión á trama, porque a investigación convértese nunha carreira contrarreloxo, nunha cuestión de vida e morte.
As modernas series policíacas son denominadas copaganda polos círculos máis críticos, para sinalar a tendencia destes produtos audiovisuais de emitir mensaxes de marcado carácter antidemocrático, a prol das cadenas perpetuas e das penas de morte e incluso excusando o abuso policial contra as persoas sospeitosas “porque sen os métodos pouco ortodoxos non teriamos pillado ao culpable”. Todas estas series siguen rigorosamente o esquema: encontro do cadáver, escena do crime, autopsia, interrogatorios, falsa pista, novo interrogatorio, detención -e ás veces proceso xudicial-.
Quen o fixo? Quen foi? Por que? Todas estas preguntas disparan conflitos que, na súa resolución, conforman historias. E a linguaxe cinematográfica iranos dando pistas para que investiguemos nós, ás veces levándonos por camiños errados, pero sempre atrapándonos como nunha tea de araña.