Search

Un vermello profundo – Recomendacións de Samaín 2023

En Kinocube Cinema gostamos de pasar as datas festivas e especiais acompañándoas de bos filmes. Aquí vai unha pequena selección de filmes para o Samaín deste ano. Guindade as pipocas ao lixo e asade unhas castañas, que a ocasión o merece!

Frankenstein (James Whale, 1931)

Peza inaugural, xunto co Dracula do mesmo ano, dos monstros de terror clásicos do cinema. É preciso tomar con pinzas a adaptación narrativa do clásico gótico de Mary Shelley, que como tal deixaría moito que desexar, e considerar este filme como unha obra en si mesma na que brilla, sobre todo, Boris Karloff como un deses monstros inocentes dos que temos falado na nosa bitácora, unha metáfora, quizabes, de toda aquela persoa que é perseguida por non cumprir co que a sociedade agarda dela.

Frankenstein é o científico. Baixo estas liñas, A Criatura.

The Birds (Alfred Hitchcock, 1963)

O Samaín é o momento de enfrontarnos aos nosos medos. Se padeces de ornitofobia, este filme clásico de Hitckcock será máis terrorífico que calquera halloween flick con asasinos en serie, pantasmas ou vampiros. E ben, se non tes ornitofobia, tamén.

Ante todo, é unha lección de suspense cinematográfico.

Profondo Rosso (Darío Argento, 1975)

O noso último vídeo da bitácora esténdese en explicar o xénero do giallo, subxénero do terror italiano con litros de sangue vermello profundo e de traumas freudianos. Se che gusta o gore e o exploitation, aquí a nosa recomendación; pero olliño cos jumpscares e con mortes en pantalla que fan rinchar os dentes…

The Addams Family (Barry Sonnenfeld, 1991)

Un clásico moderno é a adaptación cinematográfica das tiras cómicas de Charles Addams e da serie de televisión dos anos 60, na que se demostra que o diferente e raro pode ser exquisito ou tenro. Perfecto para facer unha double feature coa súa secuela, tamén memorable.

Song of the Sea (Tomm Moore, 2014)

Para as crianzas da casa, un filme de Samaín que non tira dos monstros clásicos sen deixar de ser moi axeitado para a data. Esta absoluta xoia da animación do estudo irlandés Cartoon Saloon xoga de maneira maxistral coa mitoloxía gaélica que arrodea o Samhain (Halloween), os sentimentos, o arraigo e a perda nun pequeno núcleo familiar -cun estilo narrativo moi Ghibli-.

Vai de selkies!

Até o vindeiro episodio!