Xa aló vai a metade do verán, e nós non queriamos desaproveitar o que resta para convidarvos a ver películas. Por iso, adiantamos un chisco a programación para ofrecervos as recomendacións cinematográficas de verán de Kinocube canto antes. A gozar do mellor cinema!
À propos de Nice (Jean Vigo, 1930)
Un fermoso documental que nos fala de realidades pasadas que seguen a ter ecos no presente: o turismo e a xentrificación, a fenda social e económica entre os habitantes dun lugar e os visitantes de verán, a exotización do propio… como diciamos, un discurso totalmente vixente na actualidade e un ritmo de montaxe incrible.
Rear window (Alfred Hitchcock, 1954)
A propósito do último video da nosa canle, darlle un repaso a este clásico de Hitchcock que nos convida a ser espectadores por partida dobre –ver a quen mira-, xa que o seu protagonista, nun cálido verán en Greenwich Village, é un espectador coma nós dos feitos que se desenvolven -ou non!- diante dos seus ollos, a través da fiestra.
Lawrence of Arabia (David Lean, 1962)
Como sempre nas nosas recomendacións, queremos engadir un filme deses calorosos, que fiquen ben ambientados na atmosfera cálida de Agosto. Neste caso, un clásico, unha grande epopea que fai da fata morgana unha arte.
Luca (Enrico Casarosa, 2021)
Quizabes a nivel narrativo non é moi ambiciosa, pois a súa trama é unha vez máis a do “peixe fóra da auga” -a broma é a propósito- como no seu momento moitos filmes de animación. Porén, é deses filmes de conforto para crianzas e persoas xa medradas porque luce exactamente como debe facelo un verán ocioso da infancia e xuventude.
Aftersun (Charlotte Wells, 2022)
A directora parteu dun trazo da súa infancia en forma de fotografía polaroid para reproducir unha atmosfera concreta do pasado, para revivir un momento conxelado no tempo e para procurarlle un sentido a unha incógnita, intuímos, difícil de abranguer.
E isto é todo, xa tedes deberes para este agosto.