Ven chegando Samaín e o día de Defuntos, polo que queremos dar unhas cantas ideas para ir ambientando estes días. Ímonos centrar nun arquetipo arrepiante ideal para estas datas: a casa encantada. Adentrémonos nos muros destes lugares malditos para deixarnos sorprender.
Uns pequenos apuntes sobre o arquetipo poden axudar a comprender mellor a nosa selección. Primeiro, salientar que nos atopamos cun arquetipo moi antigo, tanto como que o historiador romano Plinio o Mozo xa nos conta a historia da dunha pantasma que habita un fogar dos vivos aló polo s. I. a.C. A casa encantada era omnipresente na novela gótica decimonónica e foi un dos primeiros intereses do cinema -tanto Méliès como Chomón utilizaron o arquetipo nas súas primeiras ficcións- á hora de espantar ou marabillar ao espectador. Porque, por suposto, este arquetipo está ligado ao cinema de terror, herdeiro do Gran Guignol contemporáneo á invención do cinematógrafo.
O arquetipo da casa encantada é tan antigo, e con isto conclúo, que se converteu nun deses clichés case obsoletos dos que nos últimos tempos quedaron relegados case exclusivamente ao terreo da parodia. Sen desmerecer, iso si, daqueles que se atreven a reutilizalo, reconstruílo e dotarlle de nova vida.
Un pequeno aviso, pois aínda que non escollimos explícitamente filmes de terror -cecais poderiamos definilas como horror- aínda que algunhas tocan temas difíciles ou formas duras para algúns tipos de espectador. Tentaremos avisar!
Desfrutade con moderación!
La Chute de la maison Usher (Jean Epstein, 1928)
Comezamos con cinema silente: unha etérea e poética adaptación do conto de Edgar A. Poe por parte do cineasta Jean Epstein, que se recrea na atmosfera de sono e pesadelo para reescribir esta historia, un dos piares fundacionais do xénero das casas encantadas.
The Ghost and Mrs. Muir (Joseph L. Mankiewicz, 1947)
A Señora Muir merca unha casa que resulta estar encantada. Podería ser o inicio dun filme do xénero do terror, mais atopámonos neste caso cunha das máis belas e mellor filmadas historias de amor do cinema.
The innocents (Jack Clayton, 1961)
Deborah Kerr é brillante como a institutriz que entra coidar unhas crianzas orfas cun pasado traumático nunha mansión hermética. Unha espiral de paranoia baseada nun coñecido relato de Henry James no que sempre sobrevoa a dúbida: é unha causa sobrenatural? É unha manipulación? Volveuse a señora Giddens tola de remate?
Tw: Insinúase abuso e hai violencia, relacionado con crianzas. Bastante dura, pero nada explícita.
The Rocky Horror Picture Show (Jim Sharman, 1975)
Un clásico. Unha comedia pillabana, musical, caótica, que pon patas arriba os tropos do terror a base de revolución sexual. E, por suposto, unha gran mansión encantada onde teñen lugar os acontecementos.
Tw: un chisquiño de gore, cecais un chisco de canibalismo. Todo no plano do humor negro, por suposto.
ハウス – Hausu (Nobuhiko Obayashi, 1977)
Nobuhiko Obayashi pasouse o cinema con este filme de terror totalmente over-the-top, que tamén parte da parodia do xénero do horror para contarnos unha fábula pantasmal moito máis profunda do que parece nunha primeira impresión. A casa encantada é un personaxe propio neste filme caleidoscópico e bastante autoconsciente
Tw: Hai gore, hai maxia, hai yokais. Tamén hai imáxenes un chisco estridentes para algúns gustos.
Beetlejuice (Tim Burton, 1988)
Tim Burton desenvolve aquí os seus propios arquetipos persoais: unha familia tradicional suburbana americana enfrontada ás sombras, que neste caso son unhas pantasmas novatas nisto de encantar casas.
Tw: nivel de sangue e vísceras menor que Sleepy Hollow ou Sweeney Todd, pero maior que Big Fish. De todas maneiras, os efectos especiais artesanais e estilizados impiden tomar o gore deste filme moi en serio.