Sorpresa! Decidimos adiantarnos unha semaniña para que aproveitedes as datas festivas vendo os filmes que vos traemos como recomendación especial de Nadal. Con isto tamén anunciamos unhas vacacionciñas pois, como xa comentáramos polas redes sociais, estamos xa na fin da primeira tempada de Kinocube. Voltaremos en Xaneiro con novos arquetipos, filmes e cineastas e, se todo vai ben, novas seccións noutros medios e formatos -que si, que estrearemos canle en Youtube, que vai en serio!-.
Agardamos que a nova tempada manteña o nivel de calidade e que vos gusten todas as novidades que temos planificadas.
Con isto, presentamos os sete filmes que recomendamos en Kinocube para descubrir ou revisitar estas festas. Veredes entre os títulos algún clásico incontestable, pero tamén cousiñas diferentes, máis descoñecidas.
It’s a wonderful life (Frank Capra, 1946)

O filme rei do Nadal, polo menos no cinema clásico -de estudos de Hollywood-. Frank Capra crea nesta película unha fábula con ensinanza, pero tamén con moita maxia, sobre un home que cre que debería desaparecer do mundo. Mais xa sabedes, cando soa unha campaíña…
All that Heaven allows (Douglas Sirk, 1955)

Un filme moi reivindicable hoxe en día, no seu día etiquetado como “cinema para mulleres”, como moita da filmografía de Douglas Sirk, e que conta unha historia de amor tráxica entre unha muller madura e un home xove. Adiantadísimo para o -por veces rancio- cinema clásico. Inclúe nunha escena o peor regalo de Nadal da historia do cinema.
Meet John Doe (Frank Capra, 1941)

Outra de Capra! Na liña da súa ideoloxía, a de enxalzar ao “pobre home”, o “don ninguén”, o seu protagonista universal, bo como un santo e preocupado polos problemas sociais que o arrodean. Neste caso, coa súa contrapartida nunha xornalista, aparentemente sen escrúpulos, que o converterá no líder dun inusual movemento social.
A christmas Carol (J. Searle Dawley, 1910)

Unha das primeiras lecturas cinematográficas sobre o texto orixinal de Charles Dickens, que por ser universal afórrame o contar a sinopse. Esta versión incluímola xa nalgunha ocasión, falando de pantasmas e aparecidos. É que nos encanta a dobre exposición!
Plácido (Luis G. Berlanga, 1961)

O xenio Berlanga consegue burlar á censura agasallándonos nesta comedia cun dos reflexos máis crus, crueis e reais da sociedade española durante o franquismo. E en fin, sobre a hipocrisía nacional, que se podería debater se sobreviviu á transición… Sente un pobre á súa mesa!
El día de la Bestia (Álex de la Iglesia, 1995)

Este filme poderíase denominar de anti-Nadal, pois versa precisamente sobre o anti-Cristo. Regando as festas de comedia violenta e humor negro dende 1995. Rétovos a nomear un dúo máis icónico que o Padre Ángel e José María!
The Apartment (Billy Wilder, 1960)

E chegamos á nosa aposta particular para converterse no mellor Clásico de Nadal™ . Un filme redondo de Billy Wilder, cunha MacLaine e un Lemmon impresionantes e uns diálogos afiados como coitelos. Se só tes tempo para ver un filme desta lista, que sexa este.