Search

Crónica do curso “No camiño: películas de estrada, vieiro e horizonte”

O CGAC organiza todos os anos un curso de cinema da man de José Manuel López, doutor en Comunicación e profesor asociado na Universidade de Vigo. Nesta ocasión, o curso xira en torno ao concepto de viaxe ou camiño e propón o análise de dez filmes, como di o subtítulo, de estrada, vieiro e horizonte. 

Non toda viaxe cinematográfica é unha road movie e, porén, como di a cineasta Kelly Reichardt, todos os filmes son road movies. Polo menos, no senso no que nos presentan sempre un camiño metafórico que percorren as personaxes dende o primeiro ao derradeiro acto. Non será a derradeira vez que voltemos ao concepto do camiño nesta bitácora, pero desta vez imos en boa compaña. 

Comentaremos brevemente os filmes analizados durante este curso ao longo dunha pequena crónica seriada. Collede o necesario e vide connosco! 

The Wizard of Oz (Victor Fleming, 1939)

The Wizard of Oz

O primeiro que destaca deste filme fantástico é o uso maxistral da técnica do Technicolor: o momento no que a realidade de Dorothy, en cor sepia, se abre ao colorido mundo de Oz, é quizabes o momento máis emocionante da película.

Nesta dicotomía entre o mundo marabilloso de Oz e a Kansas real na que habita Dorothy está precisamente o eixo da película, revelando o telón de fondo da Gran Depresión americana, o día a día nun momento no que non hai tempo para contos e fábulas, onde é necesario traballar a reo para sobrevivir.

Neste sentido, Dorothy repite: “Non se está como na casa”. E aí entra o debate: estamos ante unha peza de propaganda que tenta transmitir unha mensaxe de conformismo? Ou ante un manifesto a prol da fantasía das crianzas, comparable con Peter Pan, 千と千尋の神隠し (A viaxe de Chihiro de Hayao Miyazaki) ou Alicia no país das marabillas.

The Green Knight (David Lowery, 2021)

Sir Gawain, mítico cabaleiro da Mesa Redonda da lenda artúrica, bota a andar porque é o que debe facer. Porque llo mandan. Cuestiona a miúdo o lexítimo da súa misión, o seu sentido, como nos preguntamos nós en ocasións cal é o sentido da nosa existencia.

Neste filme, o Camiño do Heroe –do Heroe das Mil Caras– é terxiversado para convertirse no camiño da vida, afondando na inevitabilidade da morte, a creación das historias (que non son outra cousa que camiños cunha saída e unha meta) e a permanencia da nosa memoria a través das nosas “fazañas” e as historias que se contan de nós. Unha historia “de pantasmas”, de pantasmas como as que habitan nas sombras do cinema.

The Searchers (John Ford, 1956)

De seguro que víchedes algunha vez os seus impresionantes planos de apertura e de peche, pois xa temos falado da importancia dos limiares no cinema

Estamos ante unha película moi malentendida, en tanto que se se le a sinopse parece a típica historia colonialista e maníquea do Western: un home bota a andar na procura da súa sobriña, secuestrada polos Comanches. Mais John Ford non ía quedar aí.

Na súa feitura, a mensaxe que aniña é a contraria: John Ford tece unha historia sobre racismo, intolerancia e sentimento de pertenza, na que un personaxe principal (Ethan Edwards, a mellor interpretación de John Wayne) solitario, intolerante e profundamente racista se enfronta aos seus propios prexuízos nun camiño co horizonte como meta.

 

Até o vindeiro episodio!