Saio dunha das últimas sesións de cinema ás que tiven o pracer de ir. En Numax, Compostela. Teño un sorriso inperturbábel, o corazón a baterme fóra do peito. Que bo filme, que bo corpo me deixou! Tratábase do último filme de Nanni Moretti, Il sol dell’avvenire, deste mesmo ano. Subín á miña Vespa, que deixara aparcada preto da sala, e volvín para a casa coa música festiva que acompañaba aos créditos na miña cabeza. Movendo a cabeza dun lado a outro, bailarina, alegre. Feliz.
Fun rumiando na grande -e grata- influenza que tivo na miña persoa Nanni Moretti e o visionado do seu filme máis sonado, Caro diario (1993), en primeiro ou segundo de carreira de audiovisuais. Decateime de que non era casualidade o que, despois de moitos anos de usar bus, coche e tren como transporte prioritario, me decidira a coller unha moto. Unha Vespa, por suposto… non, en realidade non é unha Vespa, senón unha imitación en versión eléctrica. Pero ten as vibes dunha Vespa, indubidablemente, pois iso foi o que me engaiolou dela: eu quixen ser como Nanni Moretti e percorrer a Roma popular sobre dúas rodas, preguntando as miñas ocorrencias aos transeuntes, transformando a realidade ao meu paso e coa banda sonora latendo no corazón.
A Vespa é todo un símbolo, unha icona, a representación dun estilo de vida e dun caracter nacional. Ou trátase dun estereotipo máis de Italia, como a pasta ou o característico xesto de pechar os dedos e axitar a man? Aínda que o consideraramos un cliché, a xente en Italia acéptao e presume del orgullosa; está presente ao longo de toda a historia do seu cinema, dende a posguerra até a actualidade. Mais eu daríalle a consideración de símbolo, en tanto que está ligado á historia do pobo Italiano e á súa clase obreira, específicamente, aínda que nalgún contexto a Vespa poda tratarse dun obxecto de glamour.
Situámonos no contexto do final do conflito armado que trazou o destino de Europa: a Segunda Guerra Mundial. Italia, como reflicte o seu movemento neorrealista en boca de directores como Rossellini ou De Sica, é un país feito anacos despois dunha cruel ditadura fascista e a invasión dunha potencia estranxeira. Europa, en xeral, sofre as consecuencias dunha guerra devastadora para todos os aspectos dunha sociedade, incluído o económico. Xorde entón a necesidade de dotar á poboación de medios de locomoción asequibles que axuden a activar a economía, e propostas como o Escaravello de Volkswagen, alemán… ou a Vespa de Piaggio, italiana.
A Vespa, deseñada por un enxeñeiro aeronáutico -aquí o por que do seu particular aspecto- converteuse no vehículo da clase obreira, do pobo currante. Tivo que chegar o William Wyler dende os EUA para romantizar este vehículo e darlle unha aura de glamour, ampliando o seu significado, grazas ao seu filme Roman holiday (1953). No filme, unha magnífica Audrey Hepburn fai de princesa de incógnito que quere probar por un día as vantaxes de ser unha plebea; o xornalista Gregory Peck lévaa en Vespa polas rúas de Roma, desfrutando dun pracer que daquela era tipicamente obreiro.
Roma! A cidade das Vespas -aínda que, na experiencia da que escribe, hai Vespas por todas as cidades italianas-, do Tévere, do Coliseo, do gelato, do sol dourado, dos barrios, do lecer despreocupado e do rebumbio cotiá. Todo isto está presente en Roman holiday, pero tamén en Caro diario. Quizabes co risco de caer na autoexotización, no mirar, como pobo, o propio con ollos alleos. Toda resignificación ten os seus riscos!
A Vespa tamén ten a capacidade de transformarse, de traspasar fronteiras e adaptarse a novos ecosistemas; no UK dos anos 60 e 70 foi a moto dos mods como os de Quadrophenia (Frank Roddam, 1979). Simbolizou a rebeldía, a liberdade, a xuventude, o angst dunha g-g-generation. Tamén chegou aos EUA, como elemento exótico e glamuroso, directamente influído polo filme de Wyler e Hepburn. Houbo quen lle engadiu un sidecar, houbo quen a convertiu nun motocarro…
Hóuboas de todas as cores e de todas as épocas; pero cóntovos un segredo: escollede unha ben chamativa para que teña un extra de significado narrativo no voso filme. Como elemento de atrezzo, caracteriza a unha personaxe, á persoa condutora, con toda a carga semántica e estética que viñemos describindo -xuventude, clase obreira, liberdade, lecer, despreocupación-. Serve para moitas cousas, entre elas tamén facer destacar á personaxe sobre as demais cunha elección particular de transporte. Nanni Moretti é Nanni Moretti en Vespa; Jimmy é Jimmy en Vespa; Teodoro e seu pai son Teodoro e seu pai na Vespa con sidecar.
Como calquera vehículo nun filme, a Vespa traslada ás personaxes dunha localización a outra; mais non se limita a esa función práctica. Como calquera outro arquetipo, constrúese ao longo da historia, levando de equipaxe unha manchea de significados.
Iso si, sede como o amigo Nanni -e non como Audrey- e levádeme casco!