Os libros e o cinema combinan de marabilla. A literatura non só serve como fonte de onde manan historias modernas ou antigas como a humanidade para adaptar unha e outra vez, ou incluso como dispositivo ou marco narrativo para introducirnos no relato, senón que tamén conforma arquetipos visuais e narrativos particulares dos que seguiremos a falar nesta bitácora un a un, parándonos nos detalles.
Nesta ocasión quero reflexionar sobre o acto principal, o xesto fundamental que define a literatura, e á súa relación co cinema. Falamos da acción de ler, de darlles ás personaxes un libro e ver que fan con el. Cavilemos arredor dos libros como o que son de maneira obxectiva: pois os libros non son outra cousa que obxectos, cousas, aínda que conteñan universos de información.
![image](https://64.media.tumblr.com/12703c94b0711f1f812ba852bc356335/d8560a264b0cab79-6e/s500x750/2d49cf1bcd12447942184750b5eab065fe41c02d.jpg)
É como aqueles espazos -ocórrenseme uns cantos exemplos- que parecen máis pequenos por fora e, unha vez no seu interior, sorprendémonos coa súa amplitude. Os libros son obxectos humildes, de relativamente pequeno tamaño, que porén poden conter grandes conceptos, valiosa información, mundos estraños, unha vía de escape da crúa realidade…
![image](https://64.media.tumblr.com/4a785a6aab0a371537f5aebe3a637b10/d8560a264b0cab79-32/s500x750/244e9a1fe968986518bb95cb86db70bb9f767537.jpg)
O libro, en definitiva, é un contedor no que todo o que se poda expresar con palabras -e ilustracións, non o esquezamos!- ten cabida. Por iso, e aínda hoxe nos tempos de internet, segue a ser habitual atopar ás personaxes dun filme procurando información nos libros. Aquí é onde, como guionista ou cineasta, aparece o perigo de caer no cliché: a protagonista enfróntase ao descoñecido, decide investigar, acude a unha biblioteca e coñecemos ao mesmo tempo que ela datos importantes sobre o misterio -lendas, maneiras de enfrontarse ao perigo, antigas profecías, procedementos científicos, etc.- namentres vai pasando as páxinas, habitualmente nun plano secuencia que resume en poucos minutos horas e horas de investigación.
De seguro que se vos ocorre máis dunha escena semellante, va que si? Cando se constrúe unha historia arredor dun misterio, a mente do guionista sempre busca maneiras de “expoñer” a información crúa ao espectador sen que este note que lle están a explicar algo directamente. É o que en inglés chaman “exposition” e adoita poñerse na boca de personaxes que teñen máis información que o protagonista… ou en libros, manuais e guías de toda caste.
En ocasións, estes contedores de información privilexiada van un paso máis e constitúense en antigos tomos incunables que conteñen de maneira exclusiva verdades a descubrir polas nosas personaxes, contidos que os converten en obxectos máis valiosos que calquera tesouro. Cecais, tamén, maldicións que condenan ao lector ou lectora a un destino fatal, ou encantos e feitizos capaces de poñer patas arriba o mundo. O que da para un bo macguffin…
![image](https://64.media.tumblr.com/49002419ef026ad0aef06a18bff8286b/d8560a264b0cab79-da/s500x750/d21c8465c3175aedde972e564d017054daf2bff8.png)
Noutras ocasións, o acto de ler un libro é presentado simplemente como un pasatempo, aínda que a meirande parte de veces comporta un nesgo especial que o caracteriza de maneira particular. Os libros móstranse a miúdo como “alta cultura” superior a outras formas de consumir produtos culturais como a televisión ou incluso o cinema. Que ironía! Desta maneira, temos personaxes de “alto nivel cultural”, educadas, cultivadas, listas, intelixentes, reflexivas… caracterizadas a través da súa afección aos libros. É comprensible que se asimilen os medios de comunicación modernos ao consumismo e ao entretemento, fronte á literatura como medio no que se dá cabida a unha maior profundidade artística. Sorpresa! Tamén hai libros malos, superficiais ou escritos só para ser vendidos en masa!
Supoño que este cliché ten relación coa antigüidade da literatura como medio. O cinema apareceu hai pouco máis dun século, a televisión aínda máis tarde, e fixérono en calidade de “producións”, como “industrias culturais”, todo en termos mercantilistas. A literatura ten o unha historia máis longa na que non sempre houbo interese económico detrás.
Aínda que non, os romanos non lían libros tal e como os coñecemos na actualidade, senón que gardaban as súas litterae en arquivos de papiro ou pergamiño habitualmente enrolados. Que non vos engane Joseph L. Mankiewicz no filme Julius Caesar (1953) colocando un libro moderno nas mans do Bruto ao que da vida James Mason.
![image](https://64.media.tumblr.com/0f6c842a94383e06aba0fe2b896750fe/d8560a264b0cab79-58/s500x750/e6fa5a338bc8d2f806f3e0aebc071d98a609d53d.png)
Aínda así, recomendámosvos que continuedes alimentando o voso hábito lector con lecturas gratas, interesantes e proveitosas. Non esquezades tampouco de ir ao cinema!