Este ano dimos unha voltiña pola 20ª edición da MICE, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que o Museo do Pobo Galego celebra en Compostela cada ano, un encontro de cinematografía e etnografía que convoca a cineastas de todo o mundo, sempre con perspectiva de xénero e con identidade de seu.
Imos facer unha crónica un pouquiño especial para contarvos que foi o nos gustou máis desta edición. E agardamos xa con impaciencia a número 21!
O carro e o home, 85 anos de cinema e etnografía en Galiza

- O carro e o home (Antonio Román, 1940 – Xoaquín Lorenzo “Xocas” e Eloy Lozano, 1980)
O Carro e o Home é un deses fitos dos que temos destacado nesta bitácora. Falamos dun dos primeiros filmes galegos con identidade propia, afastados da exotización na que incurrían as produtoras que aos comezos do século XX escollían Galiza como un plató pintoresco no que rodar.
A alianza improbable entre un cineasta, Román, na vangarda da súa época e un etnógrafo, Xocas, gardián da cultura e do patrimonio galego, para crear un documental á maneira de Robert Flaherty, que dignifica o rural, os seus obxectos e os seus habitantes. Unha peza que, máis alá do seu valor como rexistro dunha época e dun lugar -Lobeira en 1940-, é unha peza fermosísima en todos os sentidos.
O que se puido ver na sesión inaugural da 20 MICE foi a restauración da peza orixinal, que en 1980 foi recuperada polo propio Xocas e por Eloy Lozano, dotada dunha nova locución en galego coa voz sabia de Xaquín Lorenzo. Introduciuna o académico e guionista Pepe Coira, que ao día seguinte levou unha conversa máis en profundidade arredor do filme.
Agardamos que esta pedra fundacional do cinema galego acade a divulgación e o recoñecemento que merece nos vindeiros anos.
Laila Pakalnina, cinema observacional e humor

Īsfilma par dzīvi (Laila Pakalniņa, 2014)
Skurstenis (Laila Pakalniņa, 2013)
A cineasta letoa Laila Pakalniņa visitou a MICE en compañía do seu amigo, o cineasta Eloy Domínguez Serén, para repasar a súa carreira como documentalista e conversar co público nunha das tres sesións organizadas pola 20 MICE arredor da súa filmografía.
Na segunda sesión, acompañada das proxeccións da curta -ben curtiña- Īsfilma par dzīvi, e mais do mediometraxe Skurstenis, puidemos conversar con ela e albiscar no seu proceso creativo e nas súas inquedanzas como cineasta.
Quedámonos co seu humor honesto e coa intuición sempre atenta para “pescar” historias e convertelas en filmes marabillosos.
Tânia Dinis e Diana Gonçalves, a conexión portuguesa

- Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas (Tânia Dinis, 2024)
- Resonancias (Diana Gonçalves, 2024)
O xoves puidemos disfrutar de dúas fermosas curtas rodadas por dúas cineastas portuguesas, Tânia Dinis e Diana Gonçalves, cunha relación especial con Galiza, coa raia e coa propia Mostra.
Producida en Portugal, Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas recupera as historias das criadas que marchaban, moitas veces dende moi nenas, a servir nas casas das clases altas do Porto. Historias de servidume, miseria e inxustiza moi a miúdo protagonizadas por rapaciñas do rural, da fronteira, ou migrantes das antigas colonias portuguesas que soportaban condicións moi semellantes á escravitude, das que aínda hoxe en día resoan ecos nos taboleiros de busca de emprego actuais.
E falando de ecos e “Resonancias”, a curta de Diana Gonçalves producida en Galiza polo Chanfaina Lab é un exercicio moi interesante de exploración e autoexploración dunha cineasta que procura fíos e ataduras cun lugar que, de primeiras, lle é alleo. Fala tamén de migración, a dos construtores portugueses que foron encargados de embelecer o patrimonio da Marquesa de San Sadurniño.
Coma sempre, unha sección oficial chea de sorpresas, conexións, historias para facer reflexionar e cinema para espertar en nós a curiosidade e o amor pola cultura, a tradición, a historia e a etnografía.
O ano que vén non perderemos a ocasión de volver!