Search

Amarelo e afiado

En Kinocube non xa non é a primeira vez que falamos de giallo, este xénero de culto entre o thriller policíaco, o erótico e o terror, que tivo o seu auxe na Italia dos anos 70. Aviso antes de nada: este é un xénero violento e erótico, así que o vídeo introdutorio pode conter estas mesmas características.

Dedicámoslle, de feito, un episodio da nosa canle de YouTube, na que contamos coa colaboración de Ângelo Pineda e Sara Calvete de Maldeolho. Nel, debullamos os arquetipos, as características formais, a estécica, a narrativa, a historia e o corpus fílmico deste xénero particular.

Porén, quedábamos un asunto pendente: dedicarlle un artigo aos cineastas do xénero, aos autores que nos parecen moi representativos e merecedores de recoñecemento. Quedarémonos con catro: Mario Bava, Dario Argento, Lucio Fulci e Sergio Martino.

Comezando polo principio, falando de fitos, é necesario destacar a figura de Mario Bava, o home que apuntalou os cimentos do giallo a base de coiteladas, olladas indiscretas, e unha boa dose de referencias ás novelas amarelas de Agatha Christie e aos filmes de suspense de Alfred Hitchcock.

Mario Bava desbota o oficio de pintor, que ao parecer lle saía pouco rendible, e pónse a traballar canda seu pai, que traballaba como cinematógrafo, escultor e artista de efectos especiais na industria fílmica italiana. Con 25 anos xa é un reputado director de fotografía e incluso en ocasións é chamado para completar a labor de realización de algúns compañeiros cineastas da época.

Esta experiencia de director de fotografía será clave cando dé un paso máis adiante comece a dirixir en solitario os seus propios filmes, encauzándose no xénero do terror, con filmes como La Maschera del Demonio (1961), no que destaca o seu dominio das luces e sombras para crear unha atmosfera bretemosa e arrepiante. Falando de fitos, xa na súa época de co-direccións e colaboracións, participou na que se adoita considerar como a primeira película de terror italiana, I Vampiri (1957) e mais o primeiro filme de ciencia ficción, La morte viene dallo spazio (1958).

Mais será La ragazza que sapeva troppo, de 1963, o filme que sente a influencia definitiva e constrúa os pilares sobre os que se eleva o xénero do giallo: a vítima feminina, a arma branca, a investigación policíaca, as aparencias, que enganan, a fronteira difuminada entre a realidade e a percepción, a monumentalidade da cidade italiana, as malas xogadas da mente e da memoria, na que non se pode confiar, a paranoia, os planos atrevidos, os rápidos movementos de cámara… en definitiva: a Bava debémoslle a existencia do giallo. E tamén a do slasher, pero iso é outra historia que non tardaremos moito en contar.

E que dicir de Argento! Se cadra Dario Argento é o cineasta máis coñecido, influente e popular da tropa que traemos hoxe a Kinocube. Aínda hoxe se fan remakes das súas obras, por non dicir que o propio Argento segue a facer cinema nesta mesma década.

Argento, que comezou como crítico de cinema e guionista, rematou de apuntalar o que comezara Bava no seu debut, L’uccello dalle piume di cristallo (1970), no que engadiu á fórmula o chick da estética, a moda da burguesía urbana moderna, o fetichismo e mais o vermello profundo da sangue. O que Argento construíu sobre os cimentos do Giallo foi replicado por outras persoas até o desgaste máis absoluto. Dende os títulos dos filmes, que evocaban sensacións, cores ou animais, até a trama, que se repetía sen apenas variantes ao longo das filmografías do cinema de exploitation da época. Atopamos a súa voz autoral nas súas obsesións persoais sobre os ollos, a vista e a percepción. Proba disto, filmes como Il gatto a nove code (1971) e a que para nós é o filme-auxe do xénero: Profondo Rosso (1975).

Imos completar o noso panorama polos autores do giallo con dous cineastas que quizabes non sexan tan coñecidos fóra de Italia, pero imprescindibles unha vez te introduces no xénero.

Lucio Fulci traballou dende moi novo nos múltiples xéneros cinematográficos de moda na italia dos 50 e 60. Dirixiu dende comedias eróticas até spaguetti western, e moitos fans do terror o coñecen pola súa carreira posterior ao giallo, con filmes arredor do sobrenatural. Mais imos aquí destacar a súa faceta amarela con filmes como Non si sevizia un paperino (1972), un giallo particular que, se ben cumpre coas bases do xénero, destaca polas súas diferencias: o comentario social, por unha banda, no que a Igrexa católica sae moi criticada, a ambientación na Italia rural, e mais a violencia exercida cara as crianzas, que personifican a verdadeira inocencia. A súa visión da relixión e da sociedade reflíctese na súa pegada autoral, da que non carecen as súas incursións no giallo e no terror.

Sergio Martino, por outra banda, é un dos autores máis representativos dentro do xénero que nos ocupa hoxe na bitácora, que tamén tocou os paus do péplum ou do spaguetti western, como Fulci, Argento e Bava.

Aínda que a súa carreira no giallo xurde á sombra de Argento, con filmes como La Coda Dello Scorpione (1971), deseguido formará a súa propia voz con películas nas que recorre ás mesmas persoas intérpretes -Edwige Fenech é o rostro da súa filmografía- e ás mesmas temáticas arredor da manipulación psicolóxica, a ambición, o erotismo, a humillación e a desconfianza -na súa películas, como en Il tuo vizio è una stanza chiusa e solo io ne ho la chiave (1927) non te podes fiar de ninguén!-.

Como vemos, lonxe de atarlles as mans, as precisas delimitacións do giallo deron ás aos cineastas para contar as súas historias, revelar as súas obsesións persoais e sorprendernos en cada filme. En Kinocube seguiremos a navegar entre xéneros para rescatar ás autoras, ás correntes e aos filmes para transmitírvolos da mellor maneira que sabemos cada semana.

Até o vindeiro episodio!