Search

Nanook – Recomendacións de Inverno 2023

Nanook of the North (Robert J. Flaherty, 1922)

Comezamos cunha peza fundamental, un documental dos primeiros que se poden considerar como tales. Nanook segue ao Inuit titular na súa “vida diaria”; dígoo entre aspas porque houbo dende o comezo acusacións e sospeitas de que Flaherty falseara gran parte do argumento dando a entender a vida dos Inuit como máis “incivilizada” do que realmente era. Nanook, é dicir, Allakariallak, contribuiu ao documental recreando as técnicas e as vivenvias dos seus ancestros. A pesar das súas lexítimas controversias, ou precisamente por causa delas, Nanook do Norte trátase dunha pedra fundacional do cinema canda outros exemplos do xénero documental.

The gold rush (Charles Chaplin, 1925)

Nunca tiven tanto frío vendo unha película! Chaplin parodia neste pequeno filme unha realidade moi dura, a de tantas persoas que atoparon a súa desgraza na febre do ouro do Klondike ou incluso a escura traxedia da carabana Donner. Porén, como Chaplin nos ten acostumados, enche estas historias de humor, chispa e tenrura.

白痴 (Hakuchi, Akira Kurosawa, 1951)

Kurosawa adapta neste filme un clásico da literatura rusa, O Idiota de Fyodor Dostoevsky, trasladando os feitos dende o frío San Petersburgo, Rusia, até o xélido Hokkaido, Xapón, mais mantendo con bastante fidelidade os feitos da novela. Non vos deixedes enganar: que o frío invernal nesta historia é caldeado polas intensas paixóns.

Fargo (Joel & Ethan Coen, 1996)

Unha charqueira de sangue no medio da neve. Non hai premisa máis evocadora para describir esta obra mestra dos Coen! —Bo, si que a hai: Frances McDormand en todo o seu esplendor. Non deixedes de vela!—.

The Nightmare before Christmas (Henry Selick, 1993)

Pois non: esta marabilla de stop motion non foi dirixida por Tim Burton. O neogótico e a estilización até o absurdo ven do binomio entre Burton como produtor e Henry Selick como director —que tamén nos ofreceu, entre outros filmes animados brillantes, Coraline (2009)—.

Boas festas!

Até o vindeiro episodio!