Search

Crónica do Culturgal 2023

Unha vez máis, interrompemos a programación habitual -cinema, arquetipos, xéneros, cineastas- para facer unha pequena crónica dun momento moi bonito para nós.

Kinocube estivo presente no Culturgal deste ano a través da ACODG, a Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, da que somos socias dende hai un ano. Estivemos man a man con outras creadoras de contido online en galego, colaborando no posto, facendo comunidade e traballando a prol da asociación durante unha fin de semana que figura entre as máis produtivas, amenas e interesantes dende que levamos este proxecto.

Fran d’a Lobeira Today, Laura Veiga de Pingando.gal, Madialevo, Miguel Alkaine, Paco Cela d’a Corte do Director e mais Rosa, David Gesteira, Pablo Rodríguez Vila, Turvegal e mais eu estivemos a dalo todo no posto, acollendo á xente que se interesaba pola nosa labor, recibindo ideas das visitantes, compartindo vivencias e experiencia, xestionando uns directos en Twitch que foron a guinda do evento con entrevistas a proxectos e persoas esenciais para a cultura galega actual.

Exército Mekemeke e Laura Veiga nos directos da ACODG

Tivemos a ocasión de compartir impresións e contactar con xente de primeiro nivel relacionada co cinema en Galiza, como Manolo González, Andrés Castro de Nós Diario, Miriam de Galician Freaky Film Festival, Ângelo Pineda de Maldeolho, Jorge de Cinema Caníbal, Simone Saibene de Cinephilia, Fran e Bruno de Memoria e Cinema, Adarme Visual… e levámonos un anaquiño de sabedoría de cada unha, un sorriso e un momento para perdurar no tempo.

Foron xornadas intensas de cultura, cinema, xogos, libros, reflexións, empatías e sinerxías, sempre en boa compañía e coa vista posta en compartir, medrar, facer rede e facer país. Longa vida ao Culturgal!

Remataremos o ano, como sempre, cunhas pequeniñas recomendacións de inverno dentro duns días, coincidindo máis ou menos co noso terceiro aniversario.

Até o vindeiro episodio!