Search

Crónica do Cine de Roca

Feliz día da Galiza! Volvemos das vacacións de verán á fin cun episodio especial, moi especial, por tres motivos: para comezar, volver sempre é un pracer; ademais, xa que este último parón foi bastante longo, tiña ganas de recapitular un chisco arredor da canle, do seu presente e do seu futuro -comezaremos por aquí, se vos parece-; para rematar, que tiña ganas de utilizar o espazo desta semana para facer unha pequena crónica dun pequeno gran festival no que tivemos a honra de participar con Kinocube a principios deste caluroso mes de xullo: o Festival de Cine de Roca.

Roca é unha pequena aldea chairega con moita vida grazas á xente de Xermolos, que organiza dende hai dez anos un festival de cinema sobre música. O vencello de Xermolos e Guitiriz coa música está máis que demostrado no Festival de Pardiñas, cunha cita de verán á que estades a tempo de apuntarvos, no que se xunta a música folk, a tradición e o activismo cultural.

Este ano, a xente do Festival propúxome participar nunha mesa redonda, unha rolda de presentación de proxectos relacionados coa divulgación de cinema. Agradézolle de corazón que contaran con nós nesta ocasión perfecta para resaltar tanto a importancia da labor de divulgar o coñecemento e o cariño polo sétimo arte, como a da existencia de citas como o Cine de Roca, que achegan a cultura aos pobos pequenos, que a comparten de maneira interxeracional, que dan voz e representación ás persoas, e que atraen talento e cultura de fóra das nosas fronteiras, sen perder un ápice de cariño e autenticidade. Porque tiven a ocasión de ver en Roca filmes internacionais, filmes nominados a grandes premios estatais, e todo na calidez de sentirse entre amigues (obrigada de novo, !).

Na fotografía, Ángela Arnosa (investigadora e Chanfaineira de San Sadurniño), Sofía Naseiro (a que escribe esta bitácora), Xosé Manuel Veiga (organizador do Festival de Cine de Roca) e Fran Bermúdez (“a Lobeira today”). Foto de Paulo Naseiro.

Na mesa redonda participou unha persoa que de seguro non vos é allea aquí na bitácora: Fran da Lobeira, un compañeiro de Twitch e Youtube que nos convida sempre a todas as ruadas. Cómpre dicir aquí que Fran é presidente da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, ou ACODG, onde Kinocube tamén figura como proxecto asociado. A ACODG xurde para dar acubillo a persoas creadoras de contido dixital en liña en galego e dende aquí estamos convencidos de que esta organización ten un grande futuro á hora de tecer redes entre nós e apoiar a aquelas persoas que dean o paso de poñerse a xerar contido en galego nos vindeiros anos. Botádelle un ollo á súa páxina!

A parte de presentar os nosos respectivos proxectos, puidemos debater coa xente de Roca e de Xermolos -reitero, xente de toda caste, xeración, xénero e bagaxe- arredor da nosa paixón común, como non, o cinema. Déuselle voz e voto ao público para que expresara que é o cinema para cada un, e deu lugar a unha das máis fermosas reflexións colectivas que escoitei. Mencionouse o poder do cinema para reflectir as distintas realidades sociais e culturais, como linguaxe na que expresar os arelas dun, como xanela a outros mundos, como ferramenta de cambio e como arma, como altofalante para as voces das persoas. Non puiden resistirme a lembrar aquela escena da que vos teño falado de Orson Welles e a catedral de Chartres: “Go on singing”. O cinema é un canto á humanidade, sigamos cantando.

Mesa redonda na Eira de Roca. Foto de Paulo Naseiro.

Nas verbas daquelas persoas estaba a verdade que tento transmitir cada episodio; non é que eu inventara nada. O significado do cinema está aí, no sentir das multitudes; pero tamén no corazón do colectivo. Sigamos cantando, sigamos vendo filmes e filmando vidas, xuntándonos para celebrar as artes e levando a cultura a todos os corazóns.

Até o vindeiro episodio!