Search

Vivir mil vidas – Recomendacións para as Letras Galegas 2023

Este ano querémosnos adiantar un pouco á data para darvos tempo a revisitar algún dos clásicos, non das nosas Letras, senón das nosas Imaxes, das nosas Películas, do noso Cinema Galego. Comentaremos algún clásico e tamén algunha recomendación do máis recente.

Miss Ledyia (José Gil, 1916)

O primeiro filme de ficción gravado en Galicia, dirixido polo noso pioneiro particular: José Gil y Gil. Á moda dos seriales de Louis Feuillade, ten a particularidade de contar con Castelao nun cameo como pastor protestante. Que cousas!

Sempre xonxa (Chano Piñeiro, 1989)

A primeira longametraxe, a que inaugura a cinematografía galega como industria e como corrente. Se falamos de fitos, quizabes o filme máis relevante da nosa historia audiovisual. Podemos debatilo, pero será noutra ocasión!

O bosque animado (Ángel de la Cruz, Manolo Gómez, 2001)

Galiza foi a capital da animación europea durante uns anos, nos que non paraban de saír películas das nosas produtoras de animación. Nese senso, este filme foi tamén un fito, pero non só noso, senón da historia da animación.

O que arde (Óliver Laxe, 2019)

A corrente que primeiro nos pode pasar pola cabeza ao pensar en cinema e Galiza é, como pode ser natural, o Novo Cinema Galego. O de “novo” venlle das olas de “Novos Cinemas” que percorreron a historia cinematográfica dende a segunda metade do século XX; mais a idiosincrasia é a dunha xeración concreta de artistas con frontes comúns. Este filme achegouno definitivamente ás grandes audiencias.

Destacar a súa secuencia de inicio, unha das mellores -para nós- da historia.

O corpo aberto (Ángeles Huerta, 2022)

O ano pasado gañou todo o posible por gañar nos premios Mestre Mateo do noso audiovisual. É un delicioso conto gótico de horror -que non terror- baseado nun pequeno relato dun enorme autor das nosas Letras.

Con este filme ficou claro que a nosa industria pode contar moitas cousas diferentes, dende moitas perpectivas únicas!

Maria Casares (Xavier Villaverde, 2022)

Os Mestre Mateo tamén trouxeron calidade dende o eido documental. Este filme de Xavier Villaverde -non será a derradeira vez que falemos del- é poliédrico, inspirador e profunda de verdade na psique dunha das maiores personalidades que xurdiron no noso pequeno país.

Até o vindeiro episodio!