Search

Du côté de la côte: recomendacións de verán 2022

Vaia unha tempada chula que nos está a quedar! Ademáis da grande estrea da nosa nova canle de Youtube, puidemos participar nos faladoiros do Cinema da Lobeira e mais na 1ª maratón de creación de contido en galego no Twitch e máis no Youtube, en rigororoso directo. Seguimos nas redes, en Twitter e Facebook -@KinocubeCinema-, e mais en agora.gal, por suposto!

Así que, neste estío de 2022, merecemos un descansiño. Curto, non vaiades a pensar, porque temos a firme vontade de seguir ofrecéndovos arquetipos e cinemas o que resta de verán. Para compensar, unhas pequenas recomendacións de filmes para desfrutar a estación. Aí vai!

Once upon a time… in Hollywood (Quentin Tarantino, 2019)

O verán de 1969 quedaría marcado pola tráxica morte de Sharon Tate e a decadencia da xeración da paz e do amor. Esta é a perspectiva que aporta o amigo Tarantino sobre a fin dunha época, nun lugar e nunha industria como a do Hollywood dos anos 60. Sempre acabamos recomendando algunha “carta de amor ao cinema” dalgún cineasta!

La Caza (Carlos Saura, 1966)

O verán pasado atrevinme a dicir que Os Fuzis (Ruy Guerra, 1964) era o filme co que máis calor pasei na vida. Quizabes este outro filme, metáfora dun réxime e dunha sociedade atafegante, sexa aínda máis quente, tenso e opresivo. Abstéñanse corpos sensibles!

The Graduate (Mike Nichols, 1967)

O comezo do verán é tamén o remate do curso, do instituto, da carreira incluso, para moitos. Un cruce de camiños que fai que, para moitos, sexa un verán inesquecible. Se aínda por riba te atopas leado nun complexo enredo amoroso e sexual… Ben, o que soa moi familiar para certas xeracións é a sensación da dúbida, de estar perdido, de non saber que camiño tomar. É un bo filme para eses momentos!

El laberinto del Fauno (Guillermo del Toro, 2006)

Nesta bitácora defendemos o cinema de aventuras e o cinema fantástico con vehemencia; por iso sempre tentamos recomendar algún filme con esas características. Situado tamén no verán, na posguerra da represión franquista, ofrece unha triste pero fermosa fábula sobre o escapismo fantástico e a cruel realidade. 

崖の上のポニョ (Ponyo nos cantís, Hayao Miyazaki, 2008)

Se me preguntades por un filme que me transmita “vibracións” de verán, das vacacións da escola, do verán que é eterno para as crianzas, que evoca o bocadillo de nocilla despois de vir da praia, tería claro a miña resposta: Ponyo, do Estudio Ghibli. Sen máis comentarios!

Du côté de la côte (Agnès Varda, 1958)

O xénero documental tamén nos trae xoias de verán, como este pequeno encargo que recibiu a grandísima Agnès Varda para promocionar a Côte d’Azur francesa, e que convertiu nun pequeniño e delicioso ensaio sobre a historia, a beleza, o efémero e o eterno. 

Como pequeno agasallo, se atopades a obra orixinal en francés, aportamos nós os subtítulos ao galego. Clicade aquí!

Até o vindeiro episodio!