Como seguro que xa sabedes, nestas datas de cinema e polémica, Kinocube está a participar nos faladoiros de Cinema Lobeira arredor dos Oscars, dos premios da Academia de Cinema de Hollywood. Se queredes saber as miñas valoracións persoais, sintonizade as canles d’a Lobeira Today en Youtube, Facebook e Twitch mañá ás 22.00h.
Mentres, propóñovos unha serie de recomendacións de filmes dos Oscars para ir saboreando. Veredes que non sempre coincidirán cos filmes máis laureados durante a noite do domingo, porque a miña intención é poñer o foco nos que non levaron todas as atencións, de entre todos aqueles que tiven a ocasión de ver e que desfrutei amplamente.
The power of the dog (Jane Campion, 2021)

Esta é fácil, recoñézoo. A grande favorita para moitos, volveu á casa cun único Oscar, iso si, deses que fai historia: premio á mellor dirección para Jane Campion, a terceira muller en logralo en 94 anos de historia dos premios. Campion ofreceunos unha obra sutil, sublime, que reflexiona sobre as masculinidades tóxicas e a violencia que exercen sobre as persoas que as padecen.
Belfast (Kenneth Branagh, 2021)

Filme autobiográfico que narra a infancia de Branagh durante os disturbios dos anos 60 en Irlanda do Norte, convertida nunha pequena fábula, vista dende os ollos dun neno, sobre a destrución do fogar, entendido como o paraíso perdido da casa ou do barrio da infancia, e mais sobre a fortaleza dunha familia que terá que enfrontarse á decisión de marchar e deixar a súa terra de orixe ou ficar baixo a ameaza da violencia. En cada plano emerxe a mestría dun John Ford ou un Fred Zinnemann.
Flee (Jonas Poher Rasmussen, 2021)

Nominada en tres categorías principais -mellor documental, mellor filme animado e mellor filme internacional-, esta película volveu coas mans baleiras, xa que se enfrontaba a rivais moi dignos en cada categoría, ademais de lidar cos prexuízos que segue a arrastrar a animación na actualidade. A historia real dun refuxiado a medida que consegue escapar do conflito na súa terra nai, a un tempo que descubre a súa sexualidade, contada a través da fluidez do xénero animado.
The tragedy of Macbeth (Joel Coen, 2021)

Un dos pequenos filmes máis redondos do ano, polo menos para a que escribe esta bitácora. A fotografía, nominada pero non gañadora, e a iluminación como medio expresivo, as mellores actuacións shakesperianas -atentos á Lady Macbeth de Frances McDormand, inxustamente non-nominada- e en xeral unha nova adaptación que quizabes non aporte nada a outras célebres predecesoras –Kumonosu-jō de Kurosawa e Macbeth de Orson Welles, por exemplo- mais vela resulta unha experiencia enriquecedora.
Quero aproveitar para recomendar tamén algúns filmes que tiveron a sorte de gañar o máximo galardón en anos anteriores. Ben merecidos!
How green was my valley (John Ford, 1941)

Quizabes unha das influencias máis claras para Branagh á hora de formular o guión de Belfast, How green was my valley conta a historia de Huw, o pequeno dunha familia mineira no sur de Gales, a finais do século XIX. Cando xurde o conflito social, neste caso as consecuencias da revolución industrial, entre o capitalismo e a sindicalización, Huw enfrontarase á ameaza da destrución da comunidade e da súa familia.
All about Eve (Joseph L. Mankiewicz, 1950)

En tempada de premios afíanse as gadoupas! Un retrato das loitas de poder entre celebrities, concretamente teatrais, narrado de maneira brillante por un dos mellores cineastas-guionistas da historia, ao que lle encantaban as personaxes arribistas e sen escrúpulos na súa carreira cara a cima. Coidado con Eve!
千と千尋の神隠し(A viaxe de Chihiro, Hayao Miyazaki, 2001)

Dun tempo a esta parte parece que é inevitable que Disney ou Pixar leven o premio a mellor longametraxe animada. Porén, pouca xente lembra que esta xoia da animación xaponesa do Estudio Ghibli foi un dos primeiros premiados nesta categoría. Unha obra única no seu xénero que demostra que a animación é un medio expresivo, non un xénero infantil.
The Artist (Michel Hazanavicius, 2011)

Un interesante xogo arredor do miliario que marcou o paso do cinema silente ao sonoro, un homenaxe en branco e negro ao cinema pioneiro, unha sorte de Singin’ in the rain (Stanley Donen e Gene Kelly, 1952) do noso século. E, sobre todo, un canto de amor á grande ilusión que é o cinema.
Finalmente, un pequeno bonus: un filme de 2021 que non recibiu ningunha nominación, un fracaso na recadación:
The Last Duel (Ridley Scott, 2021)

Para min, un dos mellores filmes do seu director. Coa técnica rashomon, é dicir, filmar varias versión dunha soa historia desde o punto de vista de diferentes personaxes, Scott recrea unha historia real ocorrida na Francia do século XIV. Unha historia de ofensas, privilexios e opresións contada a través das sutís diferencias entre cada perspectiva, cuxo peso narrativo e discursivo cae na muller protagonista, interpretada maxistralmente por Jodie Comer.