Search

Les vacances de M. Kinocube: recomendacións de verán

Agora que chegou plenamente o estío e, como compensación por non traervos un novo episodio esta semana, ofrézovos unhas cantas ideas para ver durante este verán. Filmes de diversas nacionalidades, filmes dirixidos por mulleres, filmes calorosos, filmes con conciencia de clase, tedes onde escoller! Ofrézovos desta vez seis clásicos e unha estrea para tódolos gustos:

Les vacances de Monsieur Hulot (Jacques Tati, 1953)

Algún día tocará falar de Tati, o herdeiro do talento e da vis comica do cinema silente que aproveita ó máximo o partido do sonoro. Para daquela, tedes deberes: ver este filme perfecto para os meses estivais. 

Os fuzis (Ruy Guerra, 1964)

Película do Cinema Novo Brasileiro, unha das correntes menos coñecidas dos novos cinemas que chegaron nos anos 60, cunha potente carga social e a atmosfera máis abafante e calorosa do cinema. Eu, polo menos, non lembro un filme que me fixera pasar máis calor!

Faccia a faccia (Sergio Sollima, 1967)

Spaguetti western moi particular, afastado da epicidade de Leone coa súa triloxía do dólar e dos filmes de explotación de Bud Spencer e Terrence Hill, cun carácter notablemente dramático para contar a historia dun profesor idealista e enfermo e dun salvaxe foraxido que se unen, se enfrontan e sacan a relucir a súa verdadeira natureza.

Harlan County, USA (Barbara Kopple, 1976)

Un documental brillante, valente e arriscado sobre a loita duns mineiros polos seus dereitos. Michael Moore non é tan bravo como Kopple enfrontándose ós poderes a risco do seu propio pelello. Cada personaxe –real!– é un verdadeiro working class hero con todo o que iso implica.

Cinema Paradiso (Giuseppe Tornatore, 1988)

Que dicir que aínda non se dixera da primixenia “carta de amor ó cinema”! Que máis podería aportar sobre o coming-of-age capaz de facer que os cinéfilos boten de menos unha infancia que nunca viviron? E todo isto, regado coa mellor banda sonora composta polo xenio Morricone. Que máis pedir?

Kikujirô no natsu (Takeshi Kitano, 1999) 

Un ex-yakuza acompaña a un neno na procura da súa nai nunha das máis fermosas road movies da historia do cinema. O enfrontamento entre a sordidez da yakuza e a tenrura da infancia pasado por un filtro que lembra ó Chaplin de The Kid (1921), con humor e morriña a partes iguais.

E a estrea: 

Miss Marx (Susanna Nicchiarelli, 2020) 

A figura de Eleanor Marx a través das súas contradicións que non desmerecen a súa labor na loita de clase e de xénero, senón que outorgan unha ollada honesta e lonxe da idealización da causa. Un filme tan punk como o personaxe ó que homenaxea!

Até o vindeiro episodio!